A mesquita de Guitiriz, unha curiosidade bélica recente

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 11 jul 2026 - 05:40
Mesquita do balneario de Guitiriz na actualidade.
Mesquita do balneario de Guitiriz na actualidade. | La Región

Coñecía algúns xacementos arqueolóxicos cerca de Guitiriz, en Lugo, como o castro de Belote, os petróglifos de Fírveda ou os monumentos megalíticos de Penas Grandes, Xea ou A Picota, entre outros. Máis sona ten o achado de inscricións romanas dedicadas á deusa Cohvetena en relación máis ou menos directa cos mananciais do lugar. Así, algúns investigadores as citan como testemuña do uso salutífero termal das fontes naquel tempo.

Ben na busca de megálitos no proxecto de investigación da USC dirixido por Antón R. Casal, ben na procura de referencias termais romanas para poñelas en relación coas escavacións das Burgas que promovía o Concello de Ourense, tiven a oportunidade de percorrer as terras de Guitiriz, sen saber que gardaban unha sorpresa para min descoñecida. Máis cando o edificio do que lles vou falar aínda non cumpriu cen anos.

A perplexidade agardaba no recinto do Hotel-Balneario de Guitiriz, hoxe incluído no catálogo de patrimonio cultural -arquitectura civil- do PXOM de 2020 coa ficha 2.3-39. Segundo esta, o conxunto consta do “...edificio do actual hotel, unha pequena mesquita e a fonte de San Xoán...”. Os datos da mesma ficha din que a mesquita fora edificada durante a guerra civil para o culto dos soldados musulmáns das forzas de Regulares, do exército de Franco, etapa na que o propio balneario fora convertido en hospital de retagarda para os combatentes. O edificio, moi alargado, ten no interior dúas pequenas estancias pechadas en torno a un patio central interior duns 20 m2 que fai de distribuidor: a de oración, á esquerda, e a de ablucións, coroadas por sendas cúpulas.

Ben é certo que a existencia dunha mesquita foi toda unha sorpresa para min, sobre todo pola construción tan recente no tempo e en relación cun hospital militar. Pero en Galicia, como noutros puntos de España, existen máis instalacións hospitalarias para as forzas Regulares. A Revista Universitaria de Historia Militar de 2021 publica o artigo do profesor Boubker Bouhadi “Los Hospitales Militares Musulmanes durante la Guerra Civil Española”, con valiosa información ao respecto. En Galicia, sitúa as instalacións seguintes: Hospital Militar musulmán de Vigo, Hospital Militar Musulmán Santa María de Lugo, Hospital Militar Musulmán de Santa María de Compostela e, finalmente o que agora tratamos, que segundo o investigador era a Enfermería Indígena de Guitiriz-Lugo.

Ben é certo que a existencia dunha mesquita foi toda unha sorpresa para min, sobre todo pola construción tan recente no tempo e en relación cun hospital militar.

En canto ao persoal marroquí, Bouhadi cita dous tipos de asistentes. Uns eran os que debían facilitar a estancia nos hospitais: os cociñeiros, coa misión de respectar os gustos e tradicións rituais, os recadeiros, que mantiñan o contacto dos hospitalizados cos familiares en Marrocos, e os “majaznis” ou vixiantes, elixidos entre os feridos incapacitados para regresar á fronte de batalla. O outro grupo era para atender a vida relixiosa dos soldados: o “alfaquí Imam” que dirixía as oracións, facía de almuédano e recibía os testamentos. Estaba auxiliado por un “mudarris” que explicaba o ritual, ademais dun “katib”, que escribía e lía a correspondencia. Finalmente, o “muna-dif el mauta”, ao coidado dos soldados agonizantes, lavatorio e mortalla para os enterros.

Polo momento non teño máis información da Enfermería Indígena de Guitiriz, como así a cita Boubker Bouhadi. Confío en facer novas indagacións en canto me sexa posible. Mentres, queden con esta curiosidade da historia recente.

Contenido patrocinado

stats