O monolingüismo cordial

Publicado: 09 ago 2025 - 00:10

Opinión en La Región | La Región
Opinión en La Región | La Región

Un dos maiores favores que leva feito o conservadorismo galego á historia do país é, sen dúbida, a creación da Compañía de Radio Televisión de Galicia, CRTVG -desde hai unhas semanas CSAG, Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia- ou sexa a Radio e TV autonómicas, monolingües en galego. E isto debémosllo ao impulso do sector máis sensible coa cultura do país dentro dese grupo popular, á altura do verán de 1984. Presidente daquela, Xerardo Fernández Albor pero o factotum, o home forte e artífice do impulso organizativo á arquitectura institucional e comunicativa galega, foi o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Barreiro Rivas.

Por primeira vez na historia, contábamos a nivel popular cunha comunidade de comunicación propia e moi activa e nomes como Xosé Luís Blanco Campaña, Ana Kiro, Pili Pampín, O Pemán, O Gaioso, O Piñeiro, ou programas como Mareas Vivas, Pratos Combinados, Luar, Supermartes, Xabarín Club, etc

E a TVG nace coa malquerenza dun nacionalismo radical moi activo -fóra do Parlamento Galego por non aceptar as premisas legais, boicoteo da traída dos restos de Castelao, etc.- que non perdía ocasión para denigrar calquera realidade que non estivese na súa órbita. Os insultos a Ramón Piñeiro, Carlos Casares, ao “galeguismo culturalista” eran constantes. Así, tamén, popularizou o alcume denigrante de “Telegaita” para TVG, e tamén o de “merendiñas” para Albor, por facerse presente en canta festa o reclamaba e facer visible a nova institucionalidade autonómica. E grazas a Xosé Luís Barreiro e a eses novos medios monolingües, a asunción da sensibilidade ante a fala fíxose socialmente moito máis horizontal do que nunca fora. E a medida que a TVG -e a Radio Galega- consolidaban a súa hexemonía entre os medios públicos da Terra, tamén o facían un elenco de programas e colaboradores que chegan, algúns como Gaioso, ata o momento presente. Si. Por primeira vez na historia, contábamos a nivel popular cunha comunidade de comunicación propia e moi activa e nomes como Xosé Luís Blanco Campaña, Ana Kiro, Pili Pampín, O Pemán, O Gaioso, O Piñeiro, ou programas como Mareas Vivas, Pratos Combinados, Luar, Supermartes, Xabarín Club, etc. integráronse como parte da nosa cultura popular viva, como xa foran Andrés do Barro, Juan Pardo ou Pucho Boedo. E de actores, produtores, empresas que traballaban coa TVG naceu o noso cine, pero esa é outra historia.

Na TVG non se falaba de normalización lingüística, exercíase. Si. E a todos pareceu razoable que os nosos medios públicos se expresasen na lingua nacida do latín entre nós. E a adaptación dunha vella fala que se movía moi ben nos rexistros máis populares e nos cultos dos escritores e intelectuais, ás novas realidades cotiás e diversas do mundo moderno e universal a través da pantalla, foi un traballo, loxicamente, non exento de dificultades. Tiñamos que adaptar a fala pero tamén o oído. O mítico “Estabas bébeda, Sue Ellen” de Dallas e a sorpresa das primeiras películas de vaqueiros dobradas ao galego axiña desapareceron na normalidade máis plena. E durante máis de cinco anos, entre xullo de 1985 e xaneiro de 1990, o galego na televisión ocupaba máis do 33% das horas de emisión, pois ás propias da TVG sumábanse as do “Panorama de Galicia” na TVE1 e algunhas emisións territoriais polas tardes na TVE2. Despois, coa chegada, en tempos de de Felipe González, das emisoras privadas (Telecinco, Antena 3 e Canal+) e a chegada dos vídeos ás casas, a porcentaxe empezou a caer ata os niveis actuais, con moitas máis emisoras e plataformas públicas e privadas. Fundamentalmente son aa TVG 1 e 2, e varias das emisoras locais, tipo Telemiño, as que manteñen a presenza da fala.

E si, creo que o monolingüísmo cordial da TVG é boa vía. Igual que todos vemos con simpatía as primeiras páxinas dos xornais en galego os 25 de xullo e os 17 de maio tamén vemos con agrado ese exercicio de normalidade que é que os medios teñan a lingua propia como a súa na súa programación. A introdución do galego no ensino hai máis de 45 anos algo ten que ver con esa boa actitude. Era bo seguir avanzando nesa liña. Que os anuncios na TVG se emitisen todos en galego, por exemplo, sería fácil de facer. Con cordialidade e cara adiante, sempre.

Contenido patrocinado

stats