Os monstros de hoxe en día

¡BUONE VISIONI!

Publicado: 10 oct 2025 - 12:35

Os monstros de hoxe en día
Os monstros de hoxe en día | La Región

Estamos a vivir unha sobresaturación, especialmente nas plataformas dixitais, e sobre todo en Netflix, de obras que retratan a psicópatas, asasinos seriais, abusadores, manipuladores, acosadores, ou de perfís que xuntan nunha soa persoa varias condutas perversas. O true crime funciona, as cifran falan claro. O público quere, goza destas narracións. Pero a superabundancia, o exceso, non é sinónimo de calidade. En moitas destas novas e aclamadas narracións, o morbo adoita predominar sobre calquera reflexión.

A semana pasada, estreouse en Netflix a serie La historia de Ed Gein, un novo monstro de Ryan Murphy e Ian Brennan, creadores dun dos true crime máis notables dos últimos anos, Monstruo: La Historia de Jeffrey Dahmer e doutro menos bo como Monstruos: La historia de Lyle y Erik Menéndez. Os confíns entre unha narración concienzuda e o entretemento funesto, quizais estaban xa abundantemente aclarados nestas producións anteriores. E realmente non sentíamos a verdadeira necesidade – polo menos eu - de restablecer novas dinámicas.

O true crime funciona, as cifran falan claro. O público quere, goza destas narracións. Pero a superabundancia, o exceso, non é sinónimo de calidade. En moitas destas novas e aclamadas narracións, o morbo adoita predominar sobre calquera reflexión.

Monstruo: La historia de Ed Gein é unha serie esquizofrénica como o seu protagonista, o carniceiro de Plainfield, un killer serial que inspirou a Norman Bates de Psicosis (1960) de Alfred Hitchcock ou a Leatherface de La matanza de Texas (1974) de Tobe Hooper, entre outros. Os oitos capítulos saltan dun cabo a outro, duna situación a outra, incluso en contextos históricos diferentes, abrindo puntos de reflexións pero sen pechar verdadeiramente ningún. La historia de Ed Gein describe o seu protagonista como un home solitario e aparentemente inofensivo, obsesionado pola Biblia e pola súa nai, encerrado nunha “casa dos horrores” chea de secretos espeluznantes. A súa foi unha historia realmente terrorífica que redefiniu o pesadelo americano. Pero non vou entrar en detalle nos crimes de Edward Gein. Ademais de ser citados en películas de éxito e inspirar a outros serial killers, están amplamente documentados na rede. Das aberracións de Gein, a serie ofrece un importante abanico. E dentro deste escaparate macabro, os directores engaden os delitos doutros criminais, como os de Ilse Kotch, a chamada “zorra do Buchenvald”, unha sádica asasina da época nazi, ou incluso a descrición gráfica dos delitos de Ted Bundy. A serie pretende cuestionar os límites da moralidade, o capitalismo do morbo e os gustos dunha audiencia perversa, pero en realidade fai exactamente o mesmo: La historia de Ed Gein é unha explotación do macabro e do asqueroso dunha forma estetizante e innecesaria.

Nas tempadas anteriores creadas por Murphy e Brennan dábase bastante espazo ao punto di vista das vítimas. Aquí, ao contrario, hai case unha rehabilitación do serial killer. É a celebración dun mártir, dun asasino involuntario, dun pobre home inconsciente do seu propio trastorno esquizofrénico. Esta redención faise evidente no último capítulo que culmina cunha especie de despedida, onde os personaxes máis perversos da criminalidade xúntanse nun festivo saúdo final.

Hai unha pregunta que a serie move, pero que queda bastante no aire... Se o cine é antes de todo unha expresión cultural e artística dos tempos que estamos a vivir, incluso dos sentimentos máis ocultos da nosa sociedade, cal sería o cadro fronte á enorme demanda de true crime e á estrea desta serie?

Contenido patrocinado

stats