Monstros S.A.

Publicado: 26 abr 2026 - 01:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Hai pouco biquei unha bolseira. En concreto, unha exbolseira. E máis en concreto, dous bicos nas meixelas, mentres sostiña nos brazos o seu bebé. É a clase de momentos nos que temes que o paso do tempo esborralle enriba da túa cabeza, como o ceo sobre Abraracúrcix, o xefe da aldea gala de Astérix. Pero iso ocorreu so uns segundos despois, cando amosoume coma os seus outros dous fillos trepaban pola escaleira dun tobogán.

Non tiña unha sensación semellante dende pouco despois de comezar a miña vida laboral en Madrid, cando regresei por primeira vez á casa dos meus pais en San Lorenzo de Piñor e abrín o armario. Os armarios cárgaos o demo, que é coma ti pero máis novo.

Nas súas portas, ou máis ben nas súas fauces, lucían os adhesivos da miña infancia. O que hoxe chamamos historial de Instagram pero moito máis fiable. O arrepentimento atópase hoxe a un clic da papeleira, pero antes esixía unllas, algodón, alcohol e boas doses de resentimento. O que hoxe se exhibe sen pudor, antes formaba parte da intimidade das portas dun armario. Accesible á amizade verdadeira, e case sempre agochado ao amor verdadeiro.

Un bo armario debía conter monstros e segredos. Un pai que necesitaba saber de que falar co seu fillo, só tiña que abrir o armario. Alí había un abano de conversas, ademais dun perfil psicolóxico, e un currículo sentimental. Os pais de agora non falan cos fillos porque poucos están dispostos a escoitar, ou ler, horas de reguetón. E os selfies ofrecen a mesma información que o calendario Zoolander, coa mesma cara sobre distinto photocall.

Agora penso que non te fas maior cando recibes a chamada do banco para ofrecerche un plan de pensións

No meu armario había Snorkels, Toys de bollycaos e posados das seleccións da Eurocopa de fútbol de 1988. Algunhas de países extintos. De feito celebrouse nun país extinto. Daquela, Prusia ou Constantinopla eran lugares que semellaban inventados para completar o libro de Ciencias Sociais de sexto de EXB, mentres a túa realidade cotiá era a Alemaña Federal e a URSS.

Agora penso que non te fas maior cando recibes a chamada do banco para ofrecerche un plan de pensións; nin cando deixas de soñar con xogar no Deportivo ao carón de Paco Jémez; nin o día que descobres que estás mirando o posado dunha moza no Marca que resulta ser a filla de Paco Jémez; senón cando podes lembrar goles de países que xa non existen.

Cando abría o armario e miraba os rusos, a CCCP vermella e uniformada, soaban na miña cabeza épicos coros militares, coma nas películas da guerra fría, cando cambian de plano e, de súpeto, aparece a Praza Vermella, para que saibas con seguridade que a trama viaxou a Moscova. Calquera día irei á Praza Vermella, e verás como non poñen por megafonía coros militares. No meu armario caía neve sobre os abrigos nas perchas, e abrir os caixóns era coma mergullarse no interior dun submarino nuclear mergullado nun mar prateado. Aquel día que volvín á casa dos meus pais botei en falta aquela URSS inventada, que era a forma de botar en falta o neno que puxo o adhesivo.

Contenido patrocinado

stats