Muito obrigado

Publicado: 15 oct 2026 - 03:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Así rematei a miña intervención despois de recoller o Premio de Raia Diplomática, a revista ibérica de diplomacia e negocios, como “Personalidade ibérica do ano 2026”. Un inmerecido recoñecemento que moito agradecín á organización que lidera Bruno Caldeira e a José Manuel Puente, presidente do xurado. Un acto desenvolvido na Casa de Cantabria en Madrid, diante do monumento a Gerardo Diego, insigne representante da Xeración do 27, e na rúa que leva por nome o do inmortal Pío Baroja, preclaro representante da do 98.

Por “Iberia” é como nos coñecían os gregos. E foi Herodoto (484 a.C. - 425 a.C.) quen citou así o topónimo para designar á Península. E a historia sitúanos en semanas na celebración da XXX Cumbre Iberoamericana e así suliñar o papel das dúas nacións que conforman a Península na configuración des espazo xeográfico de tanta relevancia a nivel mundial.

Tiven a ocasión de facer referencia á coincidencia na data elixida, 8 de outubro, coa mesma de 1881 cando aconteceu a inauguración da liña ferroviaria Lisboa-Madrid. Tampouco pasei por alto que o apelido do organizador, Caldeira, procede de “caldaria” e pode referirse a unha persoa que vive cerca dun lugar con augas termais. E Pessoa dixo que “somos todos da mesma caldeira ibérica”, seguramente a mesma onde coceuse a península.

Son galego e ser galego é entender dende neno que a fronteira é unha invención. Que a Raia non separa, cose. Que falamos na mesma lingua con distinto acento. Somos a primeira xeración que xa non pide permiso para ser ibéricos. Os nosos avós posiblemente cruzaban a fronteira con medo. Os nosos país a traspasaban con pesetas e escudos no seu peto. Nós xa non a cruzamos. Vivimos nela.

Porque Galicia non remata en Tui. Temos un espazo natural que non é só a meseta

Porque Galicia non remata en Tui. Temos un espazo natural que non é só a meseta. É o Atlántico tamén. Por iso fálase da lusofonía, de case trescentos millóns de persoas falando nunha mesma lingua. Por iso tamén, vendo a posición de Galicia e a súa importancia no mundo hispano e cunha ferramenta como a lingua española e o seu potencial, debe salientarse a posición estratéxica de galegas e galegos. Porque cando unha nena ou un neno galego aprende portugués non está aprendendo un idioma estranxeiro, está recuperando unha chave. Unha chave que abre Vigo, pero que tamén abre Lisboa, Luanda, Maputo, Río e Goa.

Agradecín sinceiramente a distinción por ter vivido moi intensamente a importancia da Península. Por contar a nosa provincia con boa parte dos 1.214 kilómetros da Raia, polo noso protagonismo na posta en marcha da primeira eurocidade (Chaves-Verín), pola utilización do galego e da perspectiva ibérica nas organizacións internacionais que tiven a honra de presidir como a EHTTA (European Historic Thermal Towns Association) ou Partenalia (a asociación europea de gobernos provinciais). Mesmo, sendo membro da xunta de goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) participei de xeito activo no primeiro encontro, en 2017 en Coimbra, entre a FEMP e a Associaçao Nacional de Municipios Portugueses. Unha experiencia que serviume para exercer con maior acerto a miña responsabilidade como membro das comisións de Asuntos Exteriores e a de Asuntos Iberoamericanos no Senado de España.

Dixo Miguel Torgal que “o universal é o local sem paredes”. E José Saramago, premio nobel de literatura en 1998, sentenciou: “Somos todos ibéricos, o resto é xeografía que nos separa”. Díxenlle a Raia Diplomática, ao xurado dos premios e o selecto grupo de embaixadores e membros dos corpos diplomáticos de diferentes nacións que alí se xuntaron, que “Beizón!”. Que asumía ese recoñecemento con responsabilidade, con orgullo galego e tamén con saudade portuguesa. Repito: moitas grazas, muito obrigado.

Contenido patrocinado

stats