Itxu Díaz
EL ÁLAMO
El ridículo CIS
Billig chamou “nacionalismo banal” á reprodución cotiá e inadvertida da nación, como a bandeira que ninguén mira nun edificio público. O 12 de outubro abandona esa discreción. Exército, Garda Civil, Virxe do Pilar e Hispanidade -nunca mestras nin enfermeiras- compoñen unha España presentada como compartida, pero que condiciona a pertenza a lealdades políticas, históricas e relixiosas. Unha columna deste xornal reclamaba unha “bandeira de todos” mentres enviaba o pavillón republicano ao faiado da historia e situaba Galicia entre os “territorios independentistas”. Outro artigo constataba que os patrióticos insultos das tribunas se reservan ao presidente socialista. O exhibicionismo de pureza nacional engade unha competición por ver quen ten a bandeira máis grande, terreo máis propio de Freud que da Ciencia Política.
Esa patria de pertenza sempre condicionada obriga a distinguir conceptos que confunde o afervoado discurso. O Estado exerce o poder sobre un territorio e unha poboación. A nación é unha comunidade que se concibe como suxeito político. Gellner definiu o nacionalismo como o principio que esixe a congruencia entre unidade política e nacional, e explicou a súa expansión pola necesidade das sociedades industriais dunha cultura homoxénea difundida pola escola estatal. Anderson falou da nación como “comunidade imaxinada”, limitada dentro dunhas fronteiras e soberana porque reclama a lexitimidade que outrora residía en dinastías. O capitalismo impreso fixo da lectura simultánea do xornal unha cerimonia de masas entre descoñecidos. O desfile militar no século XXI cumpre esa exacta función.
A nación é un artefacto moderno que nace coas revolucións liberais. Un problema é a reificación, que presenta esa construción como unha realidade natural, prepolítica e cunha única forma lexítima de adhesión. Renan advertira en 1882 que o esquecemento e o erro histórico interveñen na formación nacional. Hobsbawm e Ranger amosaron que a repetición ritual de tradicións presentadas como ancestrais inculca valores e constrúe continuidade cun “pasado conveniente”. Smith, crítico de Gellner, analizou como os nacionalismos seleccionan mitos e memorias de comunidades étnicas previas, e de aí a súa forza emocional. Connor engadiu que o vínculo nacional é psicolóxico, non racional. Malia o debate, ningunha síntese académica avala “nacións inmemoriais”.
Compostela ofrece un exemplo próximo desa reelaboración. A antigüidade dos enterramentos baixo a catedral non demostra que os restos venerados sexan os do Apóstolo. A historiografía nunca puido probar esa identificación, que se apoia en relatos escritos séculos despois. Clavijo, situada pola tradición en 844, é unha batalla lendaria na que Santiago combate os musulmáns. O relato engrandece a comunidade cristiá e, no mesmo xesto, fixa nos mouros o inimigo. Álvarez Junco estudou como a identidade nacional española se construíu no século XIX reinterpretando aquel pasado. Pactos e guerras entre reinos rivais pasaron a lerse como “empresa nacional”. Ningún era un Estado español anticipado e a antigüidade de certos símbolos tampouco demostra a dunha nación.
Desde a crise migratoria do 30 de xullo en Ceuta, todo vale contra o país veciño
Ese antagonista musulmán segue a render. Desde a crise migratoria do 30 de xullo en Ceuta, todo vale contra o país veciño. A columna citada ao comezo denunciaba a “fantasía territorial do Gran Marrocos”. A crítica ten fundamento. O proxecto do Istiqlal tomaba como referencia o imperio almorábide para reclamar Ceuta, Melilla, o Sáhara e partes de Alxeria, Mauritania e Malí. A monarquía arrebatoulle ao partido nacionalista esa causa e monopolizou a empresa reunificadora atribuíndose, segundo a retórica oficial, as “recuperacións” de Tarfaya (1958), Sidi Ifni (1969) e o Sáhara Occidental (1975). Quen censura os devezos territoriais marroquís non pode proclamar milenaria a nación española e refutar a Rabat a mesma proxección do presente sobre o pasado que practica na casa.
Na Porta do Sol, asistentes á parada rodearon os acampados pola vivenda con bandeiras españolas e preconstitucionais, e cantaron o “Cara al sol”. Non poucos comentaristas despacharon como “intolerancia” as condenas contra un exercicio de intimidación. Iso é supremacismo patriótico, unha xerarquía que outorga a quen exhibe certos símbolos máis autoridade para encarnar España que a quen reclama dereitos. Apóiase no que Reddy chamou “réxime emocional”, os sentimentos obrigatorios que un poder inculca mediante rituais e sanciona cando faltan. O “patriotismo constitucional” de Habermas prescinde dese fervor e funda a pertenza nas liberdades fundamentais e na soberanía popular. No nacionalismo cívico si caben desde activistas na rúa, republicanos e esquerdistas até laicos, galeguistas, inmigrantes e a quen un desfile militar deixa indiferente.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último