O mundo de Poldras

ARTE ET ALIA

Publicado: 29 jun 2026 - 00:15
Un momento da inauguración, metáfora da creación artística y O Salgueiro.
Un momento da inauguración, metáfora da creación artística y O Salgueiro. | La Región

Xosé (X. Manuel Rodríguez Alonso, A Coruña, 1969) é artista e docente que vive e traballa en Ourense, tendo unha constante presenza expositiva nos últimos anos dende o campo plástico do gravado, no que é un consumado especialista, obras que firma co alcume de Poldras, que emana da súa terra familiar, Viana do Bolo. Son estas poldras, ou pasais, pedras sobre as augas dos ríos e regatos cara os muíños polas que pasar a pé enxoito. Xosé está a participar na colectiva de aniversario da galería Visol cunha obra da serie que se puido ver en primavera no corredor principal da Deputación Provincial. Aquí colgou nas paredes, entre as portas, unha retrospectiva que funcionaba como un “poldrado” da súa historia expositiva, e que nomeou con intención Aquel río, dun poema de Manuel Álvarez Torneiro. Dela temos dado conta aquí no pasado abril. Está a expoñer agora en Alterarte do campus universitario de Ourense, sala que revisita logo de ter sido comisario de Enrique Ortiz o pasado curso, poñendo desta volta o ramo da programación expositiva da sala, Mutacións Inestables, coordinada polo artista Xavier Blanco, exprofesor da UVigo, e que se desenrola en paralelo ao calendario académico. E faino Poldras coa súa proposta artístico-biográfica.

En sala o autor pecha o libro-memorando vital da súa traxectoria, aberto no edificio do poder institucional provincial, para introducirse arestora na segunda parte da idea retrospectiva do plan con “Miña prenda”, tenra e cariñosa expresión familiar que segundo lembra lle dicía súa avoa Adelaida. Así o refire a comisaria Marta García na folla de sala. Acota deste xeito no entorno seu un perímetro. Eis desta volta unha mostra con poso e abano de seu, que malia centrarse no gravado ábrese a mundos plásticos cos que está a coller ar, a pintura e a escultura. Engade tamén un caderno de apuntes, e outras obras, todas arredor de si... Dende “Especulando”, pequenos gravados co artista con máscara diante dun espello, imaxe repetida formando unha gran C, e dous pezas de gran formato nos extremos, unha delas Claudia na praia, vista na deputación. No centro da sala a Rosa dos alentos, instalación sobre un soporte, na que da conta dos lugares que lle deixaron pegada, o “territorio de referencia”. E nas paredes laterais, Os buratos do ceo, obra-secuencia de seis imaxes, sinxela pero complexa con figuras estilizadas e liñas, que semella saír do seu interior esencial, “como unha travesía que acontece no tempo e no espazo”, escribe a comisaria. Enfronte, na parede da dereita da entrada, andoriñas nun fío do tendido eléctrico e un home escribindo/ pintando na area baixo nubes azuis, sempre tan fuxidías e efémeras, eis O pintor e as modelos, gravado simbólico alusivo. No centro da parede o cadro dunha paisaxe de grandes dimensións, Salgueiro, cun monte por tras, sorte de locus biográfico espacial. Baixo del catro pequenas pezas, entres elas unha foto e un caderno de debuxo. Antes de saír, “A promesa”, escultórica figura feminina en barro, da que pende dun fío de cobre que se anoa nunha pedra triangular, sorte de cordón umbilical, imaxe poderosa de xeración dende o corazón da inspiración... Unha densa mostra que admite máis lecturas.

Contenido patrocinado

stats