Chito Rivas
RECUNCHO HEBDOMADARIO
Cando a terra treme e as conciencias tamén
O venres celebrouse no Concello de Muíños unha homenaxe especial. Moi especial para min. A institución, coa absoluta complicidade dos arqueólogos David Pérez e Celso Hugo Barba, decidiu celebrar unha homenaxe pola miña recente xubilación no Concello de Ourense. Vaia sorpresa máis emotiva! Quen mo ía dicir!
Quizais recordan a miña primeira dirección dun proxecto arqueolóxico alí, iniciado a finais de 1989, con máis de tres campañas anuais consecutivas. Fora financiado polo propio concello en convenio co Inem. Non imaxinaba que, no dicir de Rick no filme Casablanca, esta investigación ía ser “...o principio dunha fermosa amizade”. En Muíños, cataloguei xacementos arqueolóxicos do termo municipal, puiden escavar os monumentos megalíticos M1 e M5 de Outeiro de Cavaladre, no val de Salas, e os xacementos da Idade do Cobre de Crasto do Ferreiro, en Parada de Ventosa, e a Illa de Pazos, en Barxés. Aproveitando a estancia no lugar, coñecín a maioría dos megálitos e dos xacementos da Idade do Cobre da comarca da Baixa Limia, estudando este territorio entre o Vº milenio e o IIIº A.C., información que me permitiu defender unha tese de doutoramento na USC que recibiu o Premio Extraordinario. Tales vivencias levoáronme a continuar coas investigación e publicacións, experiencia de gran utilidade para impartir docencia nas universidades de Santiago e de Vigo, así como na UNED, ser o primeiro arqueólogo empresario de Ourense, gañar a praza de arqueólogo municipal do Concello de Ourense e dirixir despois o Departamento de Arqueoloxía nese mesmo concello, ata a recente xubilación, ou acceder á categoría de Académico Numerario da Real Academia Galega de Belas Artes.
Antes, en 1988, xa codirixira outro proxecto na Baixa Limia, en Lobios, cos colegas Celso Rodríguez Cao e Manuel Xusto. Máis Muíños foi o estreo en solitario, o inicio da miña singradura sen responsabilidade compartida, a primeira navegación como capitán de barco rumbo á arqueoloxía profesional. No epílogo da dita tese de doutoramento, ala por 1994, escribía o seguinte: “...máis alá de rochas e solos, de vales e serras, de mámoas e poboados prehistóricos, tamén a Baixa Limia é xente. Unha xente anónima e colectiva que se nos antoxa ver así, xente, como pegoreiro, como comerciante, como profesional ou como labrego; mesmo as súas caras son as mesmas que imaxinamos cando se erixía un megalito ou cando domeaban as marxes do Limia en épocas remotas”, eses mesmos titáns que, dende a remota prehistoria, foron quen de construír a súa propia historia e territorio.
Ao meu carón nesta homenaxe, memoria dun traballo colectivo como eran os dolmens no seu tempo, hai un equipo, que sempre me acompaña na lembranza: Carmela, Isabel, Lino, Sergio, Quico Jorreto, A. Soria, Amorín, Elvira, Julia, “León”, Julio, Enrique, Antonio, Pepita... e Luisa, Modesto, Delmiro, José Antonio e Juan Carlos. Desafortunadamente, os cinco últimos xa non están con nós. Mais só fisicamente.
Eu, procedente doutra terras, moitas veces bromeo dicindo que “...son a única persoa de Muíños no mundo que naceu en Pontevedra”, anécdota que fala do inesquecible vínculo que me une a este territorio. Muíños, agardo que estas breves liñas sirvan para manifestar o fondo agradecemento e querencia que sinto polas vosas terras baixolimiás e polas vosas xentes. Son eu quen vos rende unha merecida e sentida homenaxe. Sempre.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Un estrondoso aniversario na Candelaria
AYUDAS PARA COMBUSTIBLE EN EL AIRE
El Consejo de Ministros aprueba este martes nuevas medidas anticrisis
TECNOLOGÍA Y CONOCIMIENTO
Pensamiento crítico y tecnología: el papel de la ética en un mundo digital