Sobre a necesaria educación

Publicado: 18 oct 2025 - 00:15

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Non me refiro, claro, ao ensino. Ese traballo marabilloso e non tan recoñecido no que uns profesionais tratan de complementar con coñecementos máis ou menos especializados (matemáticas, xeografía, idiomas, literatura, historia, ciencias, tecnoloxías, filosofía...) a formación duns infantes que son, deben ser, sobre todo, educados nas casas. Porque, como sabemos, o tempo que pasan nas escolas é moi pouco en relación co que pasan baixo o directo “control parental”, onde de verdade se crean as inercias de actitudes de comportamento, de uso do ocio, do goce empático da vida, de integración e valoración dos elementos todos da sociedade.

E si. Hai cousas que cambian ao longo do tempo -todo o que ten que ver coas tecnoloxías e os avances científicos e humanos- pero outras, esenciais, permanecen. Porque as grandes cuestións do ser humano son inherentes á persoa en calquera época histórica. Por iso, entendemos e gozamos coa literatura do mundo clásico ou medieval. Se lles falo dos exemplos das fábulas de Esopo, da simpática Lisistrata de Aristófanes, da viaxeira Odisea de Homero, ou doutras moitas obras milenarias, gozamos con elas porque falan desas cousas de sempre como o amor, o desamor, a paixón, a gloria, a honestidade, a vileza, a bondade, a amizade, a ruindade, a lealdade, a traizón... Si. Igual na literatura medieval. Os clásicos, son eternos.

Cando uns deputados rin dun desprezo, unha mentira evidente, son, claro, uns maleducados. O parlamento debe ser o lugar sacro da forza da palabra, do acordo con elas, e non do insulto ou a chabacaneria.

E eterna debería ser esa pura boa educación que tardou séculos en sedimentar en Occidente, e que integra xa en positivo, as novas sensibilidades. Si. E estou desacougado cos políticos. Deberían pensar que unha boa parte da cidadanía está deixando de seguir a actualidade -as noticias da TVE, por exemplo- polo nivel de baixeza moral no que instalaron a súa actividade, que, arrastra, por outra banda, a outra parte da sociedade a ver con normalidade esas miserias. Si. Falla de educación. O comportamento privado non se pode separar do público, porque iso é a integridade. E hoxe, tocada -que non fundida- esa referencia, a integridade como valor positivo, o nivel de insultos e exabruptos na política é tal que creo que hai, de feito, unha apoloxía da maleducación. Cando uns deputados rin dun desprezo, unha mentira evidente, son, claro, uns maleducados. O parlamento debe ser o lugar sacro da forza da palabra, do acordo con elas, e non do insulto ou a chabacaneria.

Por iso desacóugame especialmente as grosas palabras de Puente ou as do Presidente do Goberno dirixidas a ese ourensán que no seu día se deixou seducir polos cantos de serea -ou do compromiso extremo- e marchou a Madrid. Deses “Vostede non é nada”, ese “Ánimo Alberto”, ou esas gargalladas con intención ofensiva, debemos simplemente tomar nota. Pois é tan evidente a interesadísima e constante promoción de Vox (e de Ayuso) por parte do PSOE –“divide et vince” dixo en latín Xulio César e repetiu en francés Napoleón, pero non eran políticos democráticos- é tan evidente, digo, como a pinza que promoven ambos extremos ao atacaren a Núñez. E non deixa de ser lóxica política, pero pasa liñas vermellas cando se move no insulto ou na caricatura fabricada e aireada pola prensa amiga.

Pero eu teño dúbidas de que a estratexia funcione. Corroe a tranquilidade común ese forzar a sociedade aos extremos pero tamén é certo que existe unha tendencia case natural a situarse de parte das persoas ofendidas, das insultadas. Si. Xa veremos.

E pensando estas cousas, da educación, da coherencia e da política, vexo o meu caro compañeiro do Curros Enríquez e do Instituto, José Ángel Vázquez Barquero, poñéndose fóra do Concello. Como antes Xesús Vázquez. Está visto que a educación e a política non se levan demasiado ben. Polo menos por estas terras, ourensás ou hispanas.

Contenido patrocinado

stats