Non se apunta ninguén

TÍA MANUELA

Publicado: 11 feb 2026 - 00:50
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Todos ou ninguén. Non se sabe quen perdeu as eleccións e tampouco se sabe como será o asunto despois dos pactos, dos acordos, de cumprir e de renunciar. Todo está no aire, aclarando que aqueles, aos que lles gusta non asentar os pés na terra, están de noraboa, triunfando e falando para non calar e non dicir nada. Cando o resultado é adverso non ten paternidade, é fillo da casualidade, das circunstancias pouco proclives, das astucias malévolas dos outros, de tódolos outros, aínda que principalmente dos máis próximos.

Sería bonito poder falar de política con sensatez, con respecto aos principios, con honestidade e con claridade. Sería bonito e útil para a cidadanía, pero non é posible. As persoas que andan na política queren que a poboación vote e que vote ben. Se hai que facer bobadas, fanse as que sexan necesarias. Danlle bicos a un furón ou lámbenlle o rabo a calquera mascota, da raza ou da cor que sexa.

Das iniciativas que deben anunciar, propias ou copiadas, moitas delas xa as anunciaron en campañas anteriores. Que máis dá!

Abrázanse a un manequín, a un espantallo ou a un toxo. Aloumiñan á burra do circo e ás xestas cheas de carrachas, nas ourelas do carreiro que vai á serra. Fano ao ver unha cámara aínda que non pode emitir e non emita. Ás veces, amigos, os políticos, homes e mulleres, novos e vellos, dan pena. Arrástranse detrás de si mesmos e a cidadanía permítellelo a duras penas, como aquela canción do mexicano Vicente Fernández, “A duras penas / me contengo de llorar / a duras penas / porque sé que un día te irás”.

Os que andan na política teñen un grande mérito. Suben e baixan, van e volven cun teléfono na man e outro na orella. Non saben onde están, non saben a quen saúdan e pouco saben do programa que están a presentar. Un programa para cada día e para cada lugar. Das iniciativas que deben anunciar, propias ou copiadas, moitas delas xa as anunciaron en campañas anteriores. Que máis dá!

Aqueles que teñen máis votos e máis escanos ganaron, pero non cumpriron os obxectivos. Os que, con relación ás eleccións anteriores, perderon votos e escanos tamén ganaron, ao non baixar tanto como os adversarios pretendían; os que non sacaron representación foi debido ás anormalidades do sistema e os que, subindo en escanos e representación están lonxe dos primeiros, “obviamente, somos os gañadores das eleccións, os únicos que subimos”. A perdedor non se apunta ninguén.

Contenido patrocinado

stats