“Non á guerra e non a vostede” como único programa

Publicado: 26 mar 2026 - 02:50
Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | José Paz

Non á guerra e non a vostede.” Con esta frase, Alberto Núñez Feijóo resumiu no Congreso dos Deputados a súa posición fronte a Irán e fronte a Pedro Sánchez. Enarborou motivos coñecidos sobre supostas incoherencias do Executivo, marxinación do Parlamento na toma de decisións e ausencia de Orzamentos. Cando chegou o momento de explicar que faría o PP no lugar do presidente do goberno, o discurso derivou cara ás fórmulas clásicas da dereita liberal -deflactación do IRPF- e rexistros propios da ultradereita, como o ataque ao “dogmatismo climático” para xustificar a enerxía nuclear, para rematar invocando a unidade nacional. Un retrato certeiro do que rexeita, pero tamén un programa que non supera as súas contradicións internas. O fenómeno ten nome, repítese a distintas escalas e ten consecuencias documentadas.

Os movementos da Xeración Z que teñen sacudido o mundo tamén constrúen marcos de diagnóstico de extraordinaria potencia. As protestas marroquís de 2025 condensaron as súas demandas en catro palabras -“queremos hospitais, non estadios”- fundindo agravio, inxustiza e sinalando aos responsables. O Movemento de Desobediencia Civil de Myanmar mobilizou a centos de milleiros contra o golpe militar de 2021 sobre bases certeiras. Porén, a mesma contestación revelou prognósticos sistematicamente febles. Ante o baleiro de alternativa, o que seguiu foi represión, guerra civil e radicalización. A teoría permite recoñecer patróns onde a descrición só ve casos illados. David Snow e Robert Benford demostraron que todo discurso transformador require tres compoñentes: diagnosticar o problema e identificar responsables, prognosticar que facer e como, e motivar para actuar. Abunda só o primeiro.

Boa parte dos contemporáneos movementos sociais, a ultradereita, Feijóo e as forzas que en Ourense aspiran a substituír a Pérez Jácome comparten unha idéntica limitación estrutural. O diagnóstico abunda. O que falta é a prognose, a resposta sobre o que segue, o modelo e folla de ruta que se propón como substitutivo do andazo

O substrato que nutre tal desasosego non é exclusivo do Sur Global. A xuventude europea e norteamericana arrastra agravios igualmente concretos. O prezo da vivenda liquidou a emancipación de millóns de mozos que destinan máis do 40% dos ingresos ao aluguer. O mercado laboral encadea aos menores de 30 anos en contratos temporais que imposibilitan calquera proxecto vital. O cambio climático instalouse como ameaza existencial para quen deberá sufrir as súas consecuencias. A sucesión de crises -financeira en 2008, pandémica en 2020, bélica en 2026- consolidou o convencemento de que o sistema non foi deseñado para eles. Ese malestar é real e lexítimo. A ultradereita aprendeu a capitalizalo: asume o diagnóstico, substitúe as causas estruturais por únicos culpábeis e promete restaurar unha orde idealizada que non resiste análise ningunha, mais procura a certeza emocional onde os demais non aportan nada.

A cidade de Ourense ilustra este mecanismo con abraiante exactitude. Gonzalo Pérez Jácome chegou á alcaldía precisamente porque as forzas que pretendían combatelo nunca construíron unha visión urbana alternativa convincente. A esquerda local acumulaba razóns para denunciar o subdesenvolvemento crónico da cidade e a xestión morosa do bipartito que conforman DO e PP, pero a sucesión de laios non se traduciu nunha proposta susceptible de interpelar á veciñanza. Non había resposta ao que viña despois da crítica, nin capacidade para activar a amplos sectores descridos da política institucional. Esa dobre lagoa foi a oportunidade do noso cuñado omnisciente, pois chegou como encarnación dunha frustración compartida, sen compromisos concretos que puidesen ser avaliados. Resultado, dúas alcaldías consecutivas. Pagamos aínda hoxe o prezo da omisión de prognose política.

A oposición actual segue a reproducir o esquema. A parálise das obras da avenida de Portugal -empresa adxudicataria declarada insolvente desde agosto, tres meses de impagos do Concello, fondos europeos en risco antes do 30 de xuño- xerou un aluvión xustificado de denuncias, preguntas en pleno e vídeos acusatorios en redes. Mais reclamar contas non equivale a prognosticar. Os ourensáns saben que non hai plan de rescate artellado, nin modelo de supervisión para evitar que se repita o mal, nin visión de cidade que supoña unha real alternativa ao presente. E sen prognose non hai motivación posible. Quen non ofrece un horizonte de salvación non pode convocar á acción, nin sequera canalizar o lexítimo enfado do electorado. O resultado é a apatía, a desafección e un distanciamento que beneficia a quen xa está no poder.

Boa parte dos contemporáneos movementos sociais, a ultradereita, Feijóo e as forzas que en Ourense aspiran a substituír a Pérez Jácome comparten unha idéntica limitación estrutural. O diagnóstico abunda. O que falta é a prognose, a resposta sobre o que segue, o modelo e folla de ruta que se propón como substitutivo do andazo. Colapsa así a motivación cara á participación, base de calquera cambio transformador. Ningunha sociedade terma un compromiso coa denuncia indefinida. A indignación dispersa convértese en combustible para o ciclo de populismo. A democracia non se sostén sobre a calidade da crítica, senón sobre as alternativas que se lle ofrecen ao conxunto social. Quen só sabe nomear o problema convida, sen querelo, a que outros o resolvan peor. “Non á guerra e non a vostede” é un diagnóstico do que Feijóo rexeita. Falta o único que a indignación non pode substituír. Falta un programa.

Contenido patrocinado

stats