Xaime Calviño
LA PREGUNTA DEL DÍA
En Portada: Eliot Ness contra el cibercrimen en Ourense
Nunha soa xornada electoral en Castela e León Ciudadanos emitiu o último estertor lonxe da súa Cataluña natal. Ao tempo, Podemos e Sumar perderon as cadeiras do descontento en beneficio do Vox antisistema. No 15-M-026 castelán as murallas do bipartidismo volveron manifestarse, por ser útiles, inexpugnables. A democracia participativa soñada naquel mítico 15-M-011 (de marzo a maio, amor, cambiei o saio) botouse a durmir a vella sesta dos experimentos multiplicados por cero. Durante ese domingo televisado o país sorprendeuse de que en Salamanca aínda mantivesen acendida unha vela de paixón ao retrato de Alvert Rivera. Esta vez apagouse irremediablemente porque as zancadas da realidade non perdoan á hora de ir de enterro ou mandar ao museo dos recordos os partidos de laboratorio oportunista. Cs xa ten a súa vitrina fixa onda as de Operación Roca, UPyD, CDS, UCD, AP e un milleiro máis dos repartidos pola xeografía hispana. Tamén, no pasado domingo ás portas da pinacoteca da historia sentáronse Podemos e Sumar ao quedar sen representación na cámara castelá.
O morado Podemos entrou nos pagos do patetismo. Ver e escoitar a Ione Belarra culpar ao PSOE da súa decadencia xeral sitúa ao partido da renovación no armario da naftalina. A furia do descontento en 2015 sentounos con sesenta e nove parlamentarios no Congreso, así oficializaron a quebra do imperfecto bipartidismo, contra o que se levantaron. Con todo, unha vez conseguido o bocadillo do poder, o líder sacro, Pablo Iglesias Turrión, non tivo inconveniente en acomodarse na vicepresidencia do executivo, situar a algúns dos seus peóns no taboleiro do xogo oficial e laminar ás principais persoas fundadoras do seu movemento. O pragmatismo apoderouse da aparente ideoloxía. Ao chegar á cúpula do tobogán non lles quedou outra alternativa que deslizarse ata a ínfima representación actual, emparedados entre a impotencia e o medo á desaparición. Nada diferente ao visto e vivido noutros experimentos onde o relato acaba sendo máis importante que a forza ideolóxica.
A indignación política non ten cor propia, igual vota ao ideólogo da cátedra como ao clérigo do púlpito
Con todo o fracaso de Podemos non só foi outro vulgar experimento fundamentado en estratexias falsas ou interesadas, senón que tamén rompeu o espello das esperanzas de toda unha xeración moza. Ou moito máis. A idea de converter a indignación da década de 2010 en cambio político quedouse en liortas pola posesión das anellas cadeiras de brazos dos seus antepasados. Viñeron para falsificar as ideoloxías de esquerda, amorteceron o pragmatismo da socialdemocracia e estafaron os sentimentos da indignación ata o extremo de empuxar aos indignados aos brazos da extrema dereita. Si, certamente Vox aliméntase hoxe daquel mesmo malestar escenificado nas prazas o 15 de maio de 2011. A indignación política non ten cor propia, igual vota ao ideólogo da cátedra como ao clérigo do púlpito. Velaí o resultado da abominación do bipartidismo utilitario.
Nesa mesma encrucillada, tropezando sempre na mesma pedra, vemos como Sumar deixou de sumar ao descoñecer a táboa política de multiplicar. Ese simulacro de partido preséntanos o balance dos seus fracasos con unha eterna pelexa no cuadrilátero dos personalismos. A súa existencia xa deixou de ter sentido para as próximas eleccións xerais. De novo IU deberá volver inventarse para que a esquerda á esquerda da socialdemocracia sirva de refuxio a quen mantén vivos os seus sentimentos ideolóxicos. Polo tanto o PSOE postelectoral do 2027 non terá outros apoios parlamentarios que o dos comunistas perseverantes e o dos nacionalistas pragmáticos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Xaime Calviño
LA PREGUNTA DEL DÍA
En Portada: Eliot Ness contra el cibercrimen en Ourense
Sonia Torre
UN CAFÉ SOLO
El autoengaño
Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
La única salida para superar esta vergüenza
Francisco Muro de Iscar
Toda la culpa siempre es de la derecha
Lo último