Sara Arias Fraiz
DIARIO LEGAL
Podo viaxar ao estranxeiro estando de baixa médica?
ARTE ET ALIA
Dá acubillo Xavier Blanco Sierra, o coñecido artista conceptual “Riomao”, no seu espazo de intercambio cultural e creación en Esgos, estrada Ou-Ponferrada, 34, neste longo verán, a Xosé Lois Vázquez (Santander, 1954), alcumado Ché, que gusta expresarse coa fotografía creativa. Trátase dunha utopía, unha proposta de fondo alento na proxección futurista e algo de elucubración. Este cidadán do mundo atlántico, preferentemente, outsider de fisterras, notable remeiro de traiñeira da cultura ourensá e galega, idea unha exposición cal “técnico mediador da recepción, estabilización e tradución parcial do material”, segundo escribe dende o Cimbro, Pereiro de Aguiar, en xullo do presente ano, para dar conta como en 4591 “catro tripulacións parten da Terra coa misión exploradora de achar planetas “capaces de albergar vida”, cadansúa con 50 mulleres e robots especializados para unha viaxe de 192 anos/luz, que dura 240 anos, con reproducións in vitro por máis de nove xeracións, levando cada nave hortas-xardín a gran escala e un sistema defensivo baseado en códigos de arte escultórico para xerar linguaxe coas súas sombras indescifrables ao modo algorítmico, dispondo cada navío espacial dunha biblioteca de 1.700.000 volumes “con rexistros permanentes de cheiro e tacto” (sic). Velaquí o que para min e moitos lectores non é algo menor. Os planetas analizados na viaxe, xa sen vida, revelan que “a combustión de recursos fósiles en grandes incendios degradaron a atmosfera e esgotaron a auga, a mesma causa que ameazaba a terra”. E na Nota 2 concreta Datos, Morfos, Babel, Hortas-xardín, Pegada do carbono e sen vida, e Libro de abordo, que dá conta dunha memoria colectiva de 49.025 anos. Até aquí o contexto. O autor sinala que enviaron imaxes, do que é proba a mostra. Acompáñano no folleto ilustrado de sala Vítor Nieves, cun “Arquivo de biotransmisións” dunha tripulante non identificada; e Sabela López, que asenta esta viaxe estelar imaxinaria dende Clío na encrucillada do relevante semiólogo Iuri Lotman, e Vladimir Vernadsky, biosfera e noosfera.
A mostra consta de fotoinstalacións sobre vinilo e obras penduradas en papel Canson Infinity nas que destacan vastos areais mariños, paisaxes de praia con elementos sobre-impresionados ou un bosque que se amosa ondulado e ao carón, o que semellan crebas lígneas e brancas traídas polas mareas, sobredimensionadas, pequenas pezas que conforman artesanais esculturas ao espeto e algunha ensamblada, dacabalo entre o casual, o decorativo e a artesanía minimal que comparten con formas planetarios, fragmentos boscosos e vexetais, elementos rochosos ou de madeira sobresaíndo do chan, nos que se alterou a escala, e sobre un baúl hai un gran libro con imaxes impresas. Eis facer explícita a ciencia ficción, xénero xa enunciado por Hugo Gernsback no primeiro terzo do pasado século, lanzando en 1926 a primeira revista dedicada, con mestres posteriores de amplo abano: Orwell, Frank Herbert, Philip K. Dick, Ursula K. Le Guin e sir Arthur C. Clark. En destacados films de Villeneuve (A chegada), R. Scott, ou Interestellar con guión dos irmáns Jonathan e Christopher Nolan, que dirixe este. Todo elo nesta sorte de Ínsula Barataria de Riomao, quen traballa arredor do proxecto “A mazá lúcida”, metáfora da idea da Terra como produto consumible e imperecedoiro.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
ELECCIÓNS MUNICIPAIS
Dous de cada tres candidatos a alcalde repiten nas cidades galegas en 2027
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Os apaleados de Celeiros e outras nupcias