Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Portero de noche
Cando entrou na vella estación da Ponte a primeira locomotora que chegou a Ourense (... por onde ela pasa/ fecunda os terreos,/ espértanse os homes,/ frolecen os eidos...") e que con tan boa perspectiva histórica cantou o meu admirado Curros, tal e como ben se pode ver na magnífica ilustración que inmortalizou tan importante acto para a nosa provincia aquel 31 de marzo de 1881 o cronista valdeorrés Tiverio Ávila; a máquina a vapor traía canda ela un xeneroso vagón de carbón co que poder alimentar a caldeira que transformaba a calor en vapor e o vapor, coas sucesivas estacións de transferencia, en movemento circular que lle permitía -volvendo ó poeta- avantar "cómaros e corgas, e vales e cerros..."
Non era, pois, carbón que lle trouxeran ós nenos malos que houbera daquela na cidade das Burgas, senón que era carbón que simbolizaba "a luz i o progreso".
Non mo van crer, pero anos despois, ese traxecto Vigo Ourense era a única vía de comunicación para poder chegar por tren a Madrid, a través dun longo percorrido pola costa portuguesa e -ironías da historia- Extremadura. Tardaba a viaxe, daquela, nada máis e nada menos ca 36 horas. Unha mindundia se se comparaba, sen embargo, coas decimonónicas xornadas nas máis vellas aínda dilixencias de a cabalo.
É evidente que o tren que con tanta propiedade como demostración de coñecemento do que ten entre mans, degrañou a directora da Adif, Isabel Pardo de Vera, non vai precisar do carbón daqueloutra vella locomotora para colocarnos en Madrid en dúas horas e cuarto e para poñer nas nosas mans as condicións imprescindibles para que aconteza o que de forma eufemística e literaria compuxo daquela o poeta de Celanova.
Pola contra, escoitando ou lendo de cando en vez algunhas afirmacións ou declaracións populares ou políticas, teño eu a sensación de que aínda hai algunha xente -por non dicir, moita- que debe pensar que no canto do carbón o que vai facer o AVE vai ser traer en cada viaxe un dos primeiros vagóns cheo de ouro para enriquecer de contado a nosa provincia, de forma que só teñamos que transformalo en onciñas e metelo no mercado.
Digo isto porque unha das preguntas que lle foron formuladas á executiva do Ministerio foi se creía que a chegada do AVE ía supoñer un enriquecemento directo do comercio ourensán, ó que ela, sabiamente, lle contestou que o que fai a chegada do AVE a unha determinada área xeográfica e poñer as condicións para que se acelere a economía en moitos e moi diversos aspectos, dun xeito especial o comercial e turístico, pero o que non vai poder facer o AVE é montar ós clientes en Madrid e meterllos ó comerciante no seu negocio. Para iso, teremos que espremer nós os miolos, digo eu. E a veces teño dúbidas de que o esteamos facendo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Portero de noche
Carlos Risco
LA CIUDAD QUE TODAVÍA ESTÁ
El empedrado medieval de la ciudad vieja
Chicho Outeiriño
DEAMBULANDO
Los más de mil apodos de Benchosey… y los nuestros
Ramón Pastrana
LA PUNTILLA
Nicolás
Lo último