La Región
JARDÍN ABIERTO
Simbología de la flor de amarilis en Navidad
O domingo 26 de marzo viaxaba do Carballiño a Celanova, pero non por Ourense, senón por Ribadavia e por Cortegada. Antes podía levar medio día este traxecto, pero agora a estrada é estupenda e en menos dunha hora ponse un en Celanova. E as paisaxes son excepcionais.
Despois de Cortegada, subindo para Ramirás, divísase á dereita todo o val do Deva, coa súa miríade de graciosas aldeíñas repartidas entre os verdes claros das hortas e os máis escuros dos tupidos piñeirais, sendo coma quen ve un grandioso nacemento. E ó fondo, ordenando e presidindo estas paisaxes, está o impoñente macizo do Leboreiro, que ese día aparecía completamente nevado, co que a beleza da postal resultaba inenarrable. Para gozar desta regalía parei no Viso, do concello de Gomesende, que resulta ser un perfecto merecedor do topónimo, xa que significa xusto o que é o lugar: un ‘emprazamento elevado con amplas panorámicas’.
As magníficas e inesquecibles vistas do Leboreiro nevado trouxéronme á cabeza unhas vellas notas que tomara sobre o seu nome. Porque me sorprendera hai anos como se ía impondo a forma "Laboreiro", fronte a "Leboreiro", a que sempre lle lera a Otero Pedrayo e a Xoaquín Lorenzo, bos coñecedores destas terras. Agora, a forma espuria úsase de xeito case unánime; pero non cabe sorprenderse, as malas herbas sempre inzaron mellor cás boas.
A confusión parte do nome que lle acabaron dando os portugueses ó importante castelo de "Castro Laboreiro", que señorea o "planalto" destes montes, que tanto saben de historia. Pero no caso da cartografía, de onde se toman os nomes a miúdo, foi a decisión de Fontán de chamarlle "Sierra de Laboreiro" no seu famoso mapa a que transmitiu o erro á maior parte da cartografía posterior, mapas da Xunta incluídos. Non obstante, a etimoloxía de "Leboreiro" (do lat. "lepus" ‘lebre’) xa estaba clara para o Padre Sarmiento, aínda que Frei Joaquim de Viterbo, no XVIII, propuxese unha derivación de "lapa" ‘laxa’, ou o Padre Antonio Carvalho, no XIX, de "labor" ‘traballo’, explicacións alternativas que trataban de xustificar a forma portuguesa; pero todas foron desautorizadas por Leite de Vasconcelos, o máis grande filólogo que tivo Portugal, cando comprobou que o nome do Castro Laboreiro nos documentos antigos era sempre "Crasto Leboreyro" ou "Crasto Liboreiro", pero nunca "Laboreiro".
Poden preguntarse algúns se habería no pasado nestes montes a cantidade de lebres necesaria para xustificar tal nome. Pero teño que dicirlles que non é preciso que as houbera, que basta con saber que foron terras ricas en caza e en pastos. Porque xa o gran polígrafo romano Varrón explicaba no seu Re Rustica que o latín "Leporarium" non significaba exclusivamente lugar poboado de lebres, senón tamén espazos onde había toda clase de animais pacendo, coma corzos, cervos e cabras montesas.
Remato contándolles o que me pasou cando andaba eu con estas cavilacións vocálicas, hai cerca de dez anos. Un domingo fun ata Ponte Barxas e subín pola estrada que vai en dirección a Bande. En Crespos, parei e púxenme a falar cunhas mulleres, co obxectivo de saber se pronunciaban Leboreiro ou Laboreiro. A miña sorpresa foi enorme cando comprobei que nin dicían unha cousa nin outra: dicían "Loboreiro"... Claro, pero esa pronuncia era unha confirmación do "Leboreiro" orixinal. Por semellante motivo "Levada" deu "Lovada" nalgúns casos, "semana" pronúnciase ás veces "somana" e "remedio", "romedio". Pero, a que ninguén escoitou nunca "Lavada", "samana" ou "ramedio"? Verdade que soan raro? Pois igual me soa a min "Laboreiro" sabendo que a orixe está en "Leboreiro".
Contenido patrocinado
También te puede interesar
La Región
JARDÍN ABIERTO
Simbología de la flor de amarilis en Navidad
Jaime Noguerol
EL ÁNGULO INVERSO
La mirada sabia del barman
Miguel Anxo Bastos
Extremadura: la clave está a la izquierda
Sergio Otamendi
CRÓNICA INTERNACIONAL
Dos éxitos o dos fracasos
Lo último