Opinión

Cutrecracia

Cando Mike Judge ideou a xocosa comedia "Idiocracia" (“Idiocracy”, Mike Judge 2006) non podía imaxinar que, co paso do tempo, como lamentablemente adoita suceder, a realidade superaría a ficción. Cando falamos de idiocracia todos pensamos en Donald Trump, pero, dende o meu punto de vista, non fai falla ir alén do Atlántico para ver a alguén sen talento político ningún -e non sei se con talento dalgún outro tipo- dirixir unha sociedade; é máis, eu creo que non temos que nin cruzar a rúa. Ben é certo que estar ao fronte dos EEUU, a potencia neoliberal económica por excelencia, merece algún que outro punto extra, pero o esperpento político que temos aquí en Galicia, e máis concretamente na nosa cidade de Ourense, é dunha "categoría" que supera con fartura a do magnate americano reconvertido a narcisista de pel laranxa e moito poder.

Parece que o noso rexedor ergueuse un día lendo El Faro de Vigo -ou escoitando o que alguén lle dixo que poñía El Faro de Vigo- sobre que Abel Caballero conseguira que o New York Times falase del, e con ese cerebro tan "brillante" que de seguro ten, quizais se dixo: "Mira que listo é este Abel Caballero que consegue publicidade gratis; pois eu vou facer o mesmo"; o que pasa é que, sen xustificar nin admirar o modelo de circocracia de Abel Caballero, que está nas antípodas do que eu considero debe ser a política de calquer país medianamente serio, hai un mundo de distancia entre un doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela e a de Cambridge (Reino Unido), e un tipo que saía bebendo viño na súa televisión, dando berros, insultando a torto e a dereito, xunto con outros especímenes da súa groupe, desbardallando sobre se os magostos estaban ben promocionados en "Orense" (non Ourense, por certo).

E entón, desa cachola “ilustre” saíu unha idea “xenial”: facer o belén máis cutre de España e, xa de paso, como se comenta nas redes, axudar a algún achegado á súa tenda musical. Pois con esta idea "xenial" conseguimos saír en centos de memes de internet, en xornais e ata en televisións nacionais, comparando o belén de Ourense con “Walking Dead” (@pelisengalego), con "figuras que parecen yonkis" (Diario Público), cualificándoo de "horripilante" (Antena 3 TV), ríndose da baixa calidade da súa confección, do roubo do neno Xesús, da amputación dos seus brazos, da súa substitución por un Nenuco nazi e anticristo, etcétera. E o peor de todo é que o noso alcalde e os seus acólitos están orgullosos diso, facéndose eco de todas estas noticias nas súas redes sociais, coma se da concesión do Premio Princesa de Asturias se tratase.

Eu perdinme no camiño que leva da honra e o orgullo ao esperpento cutre do “todo a cen”. Unha cousa é que falen de ti aínda que sexa mal, como dicía o xenial autor irlandés Óscar Wilde, e outra cousa é que falen de ti para rirse, non contigo, senón de ti; para burlarse, para sinalarte como o parvo da clase, como o pallaso ridículo que xa non fai graza a ninguén. E que encima te sintas fachendoso delo.

Jácome non se dá conta de que é o alcalde dunha cidade marabillosa como Ourense, a terceira cidade de Galicia, de que xa non é un tipo calquera que facía un show diante dunha cámara entre fume e botellas de viño; que agora representa a moita xente, xente que non quere que se rían dela, xente formada e con principios, xente orgullosa da súa cidade, xente que quere ser recoñecida porque en Ourense se fagan cousas exemplificantes, non por ser o bufón de España; xente que non quere ser partícipe desta pantomima na que nos está a afundir pouco a pouco, e ata o pescozo, o líder de Cutrecracia Orensana.

Te puede interesar