Pan centeno

Publicado: 05 feb 2025 - 00:45

Pois se lles hei ser sincero deberei confesarlles que, agora mesmo e non sei se tamén máis tarde, non lles sei de que lles podo escribir hoxe a vostedes. Pásame a veces. Porén o que nunca me pasara foi que, así sen máis, agromara esta desvergonza que me permito ó confesarllo de xeito tan paladino.

Cando había escritores, é dicir, moito antes de que nos ameazasen con series de televisión nas que os seus capítulos duren un minuto, non máis, nin sequera un segundo por diante ou por detrás, hai que ver, daquela, vai ser pouco doado recordar a consella de Oscar Wilde; cando menos para tela en conta. ”Non lles hai nada tan perigoso coma ser demasiado moderno; ós prontos un pode estar pasado de moda.” Tal era e aínda é a advertencia do autor de “De profundis”. Un escritor traballa coas palabras, xoga con elas, distráese delas, respéctaas ou as renega e logo pasa o que pasa, sucede o que sucede e, por tanto, convén andar con moito ollo.

Unhas moi puñeteiras filtracións de auga fixéranme levantar a biblioteca de xeito que non dei atopado o libro, esplendidamente editado por Teófilo, así que pedín axuda e mandáronme unha galerada que lin

Días atrás, compartín a presentación dun libro. Comecei a súa lectura marabillándome das suxerintes imaxes que o seu autor, Aurelio Miras, alá polo 1968 utilizara prá narración do aventurado vivir de Pepa a Loba, ese mito tan certo coma o do Sacauntos. Unhas moi puñeteiras filtracións de auga fixéranme levantar a biblioteca de xeito que non dei atopado o libro, esplendidamente editado por Teófilo, así que pedín axuda e mandáronme unha galerada que lin, como lles acabo de dicir, marabillado da pureza da súa linguaxe, do enxebre da narración, da fermosa construción levantada cun idioma dunha prístina transparencia da que, segun os meus cálculos, nos ven privando a modernidade. E arredor diso, recordando o sabor a pan centeo e a papas de millo de cando eu era mozo, un aroma a verdade, perxeñei a miña intervención. Entón Xosé Luis Teófilo encetou a súa e, caendo da burra, souben que a edición era consecuencia da tradución feita por dúas persoas, home e muller, das que sinto non poder dar os seus nomes pois o moi puñeteiro libro non da aparecido e na galerada que conservo no ordenador estes non figuran. Mea culpa, mea grandísima culpa, por tanto rogo ós non só desexables senón mesmo curiosos lectores que comproben pola súa conta o que afirmo respecto do fermosamente traducido que está o texto de Aurelio Miras consecuencia, sen dúbida ningunha, do ben escrito que foi no seu momento en razón do coñecemento e do sentido amor á terra na que se desenvolve a acción. Nin con ese invento disque marabilloso da intelixencia artificial, se poderá substituír nunca un equivalente en beleza a isto que, mal que ben, espero terlles transmitido.

Abstéñanse, pois, os posibles espectadores deses capítulos dun minuto, de ler o libro que lles digo pois o mesmo non entenden nada por culpa de que a literatura está pasando a ser n o que non era nin nos tempos máis remotos, mentres tanto os máis imos aplicámonos na continua lectura das brevidades que, como por arte de maxia, aboian na tona das pantallas dos nosos móbiles. Acabaremos numerando os textos, como seica facían cos chistes os tolos dun psiquiátrico que se escogorciaban coa risa só con escoitar o número correspondente.

Contenido patrocinado

stats