A patria de Domingo Fontán no seu mapa

Publicado: 02 may 2026 - 07:05
Porta de Conde, patria de Fontán.
Porta de Conde, patria de Fontán.

En Galicia contamos cun excelente servizo de información xeográfica totalmente gratuíto. Elaborado polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, está a dispor de todos os usuarios, así como para os investigadores que traballamos co territorio. Alí atoparán todo tipo de mapas, fotografías aéreas tomadas en distintos anos, etc., o que permite establecer comparacións, incluso mapas históricos, facendo as delicias de xeógrafos e historiadores, entre eles os arqueólogos, para quen se converteu nunha ferramenta imprescindible.

Entre os ditos mapas poden atopar a denominada Carta Xeométrica de Domingo Fontán. A novidade é que este mapa de Galicia está agora xeorreferenciado, é dicir, que sobre el se poden localizar os sitios dentro do sistema de coordenadas xeográficas máis habituais, tanto as xeográficas -lonxitude e latitude- como as proxectadas, sobre todo a Universal Transverse Mercator ou UTM. Non poucos investigadores estudaron este mapa de Galicia. Recordo con especial cariño unha conferencia do xeógrafo a catedrático da Universidade de Santiago, Augusto Pérez Alberti -membro, ademais, do tribunal da miña tese de doutoramento- impartida na sede da Fundación Otero Pedrayo, en Trasalba, e como non, a explicación da Peza do Mes de xaneiro de 2017 “O Mapa de Fontán”, por Afonso Monxardín. È obrigado citar a tese de doutoramento “A parroquia galega a partir da “Carta Geométrica de Galicia”” de María del Carmen Álvarez Monterroso, que estuda a transcendencia e vixencia do mapa de Galicia de Fontán como o primeiro realizado en España seguindo un método estritamente científico. Tal foi o resultado que Otero Pedrayo definiuno como o rostro do país.

Na pericia mostrada polo xeógrafo vense as ensinanzas do seu mestre, José Rodríguez González, alcumado O Matemático de Bermés e que con 28 anos era catedrático suplente na Universidade de Santiago

Como moitos de vostedes saben, o mapa foi elaborado polo sistema de triangulación, para calcular con precisión tanto as distancias como as localizacións exactas dende puntos concretos chamados estacións. Aínda que imprimiuse en París en 1845, os traballos realmente comezaron 1817. A estación que lle serviu de punto de inicio foi a Torre do Reloxio -a Berenguela- da catedral de Santiago de Compostela, cuxa latitude calculou con repetidas observacións astronómicas da estrela Polar, de Orión e polas alturas meridianas do Sol. Dela partiron o resto dos puntos que ía situando paso a paso, ata completar o mapa medindo ángulos e distancias progresivamente coas novas estacións que ía creando a medida que avanzaba polo territorio. Na pericia mostrada polo xeógrafo vense as ensinanzas do seu mestre, José Rodríguez González, alcumado O Matemático de Bermés e que con 28 anos era catedrático suplente na Universidade de Santiago. Para obter os valores das altitudes dos montes e vales, o que lle permitiu representar o relevo tal como aparece no mapa, Fontán utilizou o sistema barométrico. Foi medindo a diferenza de presións do aire nos distintos puntos coa valiosa axuda do seu irmán Andrés, que os ía comparando cos que se daban á altura do nivel do mar en Noia. Imaxinen a dificultade da elaboración nun territorio cunha orografía tan irregular como Galicia, o que engrandece aínda más o resultado

Se se fixan no mapa, encontrarán baixo o núcleo de Porta de Conde, actual concello pontevedrés de Portas, a anotación entre parénteses “Patria del Autor”, a forma na que Domingo quixo deixar constancia do lugar de nacemento para a posteridade no magnífico mapa de Galicia que el mesmo elaborou.

Contenido patrocinado

stats