O pecado de Zapatero

Publicado: 30 may 2026 - 02:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

A verdade é que Zapatero é moito Zapatero. O máis duro que se leva dito nestes días por parte de vellos dirixentes do PSOE é que lles sorprendía porque o consideraban incapaz de pensamentos tan elaborados como para establecer esas tramas. Lembramos moitos como co micro aberto, sen querer, Jordi Sevilla, á sazón ministro de Economía, ante a cara de non entender nada o tema económico, lle dixo aquilo de “te lo explico en dos tardes”, e foi tal, en setembro de 2003. Xa choveu. En xeral, non me acaba de entrar polo ollo que os expresidentes se dediquen a algo máis que o seu traballo anterior -tipo rexistrador da propiedade, por exemplo- e que non se conformen coas prebendas que sinala o Real Decreto 405/1992, “por el que se regula el Estatuto de los Ex Presidentes del Gobierno” (dous funcionarios -de nivel 30 e 18 a súa disposición-, apoio diplomático no exterior, viaxes gratis por terra, mar e aire nos medios estatais, coche e chófer, asignación de gastos de oficina e, no seu caso, alugueiro de inmobles, total uns 75.000 euros ao ano). A maiores, durante dous anos, teñen dereito a unha pensión indemnizatoria do 80% do soldo de presidente (outros 72.000 euros ao ano) para o peto. De momento, o único que renunciou a este segundo tramo foi Rajoy, que volveu ao Rexistro. E este “bo pasar”, seguramente, debe ser unha garantía de que non van usar os contactos establecidos en nome do país para negocios particulares.

De inxenuo sen nivel pareceume incluso a ocorrencia da “Alianza das civilizacións” de 2004, pois a civilización é unha, a da penicilina, a alfabetización, os dereitos humanos, a ciencia, o humanismo, o progreso, etc. Outra cousa son as culturas. Percorrido da idea, cero zapatero.

A verdade é que un órgano como o Consello de Estado, onde son membro natos todos os expresidentes, debería exercer un papel consultivo e orientador, máis alá das tensións políticas. A obsesión polos cartos e a implicación familiar no tema é feo. Imaxinen se esas fillas de estética gótica reconvertidas en beneficiarias de negocios escuros acabasen imputadas. Xa non son unhas nenas (Laura ten 33 e Alba 31) e son plenos suxeitos de responsabilidade dos seus actos. Menos me gustou, por suposto, o desprezo que á transición, ao acordo duns e doutros no futuro, que supuxo a reapertura das feridas da guerra coa interpretación sesgada dunha innecesaria Lei de Memoria Histórica de 2007 e das súas peores evolucións posteriores, e a sinceridade manifestada uns meses despois sobre o tema, grazas ao micro aberto de novo, sen querer, dicindo o de “nos conviene que haya tensión”, en febreiro de 2008.

De inxenuo sen nivel pareceume incluso a ocorrencia da “Alianza das civilizacións” de 2004, pois a civilización é unha, a da penicilina, a alfabetización, os dereitos humanos, a ciencia, o humanismo, o progreso, etc. Outra cousa son as culturas. Percorrido da idea, cero zapatero.

Ocorrencia groseira, por outra banda, foi non se erguer o presidente interino -todos o son- do Goberno de España ao paso da bandeira dun país aliado convidado ao desfile das Forzas Armadas en Madrid, e foi tal o 12 de outubro de 2003. Inda hoxe está na memoria colectiva norteamericana.

Pero o que non lle perdoarei nunca é o acontecido en marzo de 2007 na estrea do programa “Tengo una pregunta para usted”. Alí, os cidadáns, educados, usaban a forma de respecto debido, ou sexa, o vostede, de acordo co nome do programa. Moitas preguntas eran nada compracentes -era época dunha maior liberdade nos medios- e o presidente, abusón de posición e maleducado, contestaba chamando polos nomes de pía e de ti aos cidadáns. “Mira Antonio, te agradezco la pregunta”, “Como tú bien dices”, etc. etc. etc. Eu tiña a esperanza ese día de que algún dos interpelados lle parase os pés, dicíndolle algo así como: “Señor presidente, eu o trato de vostede, por respecto, e vostede debe facer o mesmo comigo. Nin somos amigos, nin temos trato. E desde logo, non merezo menos respecto ca vostede”.

Contenido patrocinado

stats