Rosendo Luis Fernández
Chachapoyas y curazao
CASTELLUM HONESTI
No cree usted que la mayor enseñanza que necesita España es saber retirarse del Poder? ¿No cree usted que la causa más poderosa de todas nuestras desdichas pasadas ha sido el furor de nuestros hombres de alcanzar el poder y conservarlo a cualquier precio?” Isto preguntoulle Cánovas del Castillo ó Marqués de Molíns, hai século e medio. Isto preguntei eu hai anos e reitero hoxe: que terá o poder que arrasa liberdades, merca vontades e esvae principios?, que terá o poder que fai que haxa homes que perdan até a dignidade por perpetuarse nel?, por que hai líderes incapaces de aceptaren que o seu tempo pasou e prefiren arriscarse a saír pola porta de servizo, denantes que abandonar voluntariamente o escenario?
Sempre defendín que o tempo é un gran inquisidor que actúa a través do xuízo implacábel da historia. E, no eido da política, unha das cousas máis condenábeis historicamente é o sacrificio dunha ferramenta de representación democrática e participación social en beneficio de intereses espurios. Por que o poder -vémolo tódolos días-, cando deixa de ser un medio e se transforma nun fin, é un depredador que devora o que toca: degrada institucións, erosiona a democracia, substitúe a ética pola corrupción e transforma o servizo público nunha acción de permanencia e dominación. “El poder tiende a corrromper, el poder absoluto corrompe absolutamente”, dixo lord Acton.
A socialdemocracia española naceu coa vocación de representar a unha maioría social ampla e ser unha alternativa de poder, con altura institucional e sentido de Estado. Lembrémo-las verbas de Felipe González en 1979: “Hay que ser socialistas antes que marxistas”. Consonte a isto, durante décadas, o Partido Socialista actuou coma un proxecto capaz de vertebrar España desde unha idea socialdemócrata, integradora e moderada. Cando gobernou, introduciu reformas sociais que contribuíron a mellora-las nosas condicións de vida. Porén, a chegada de Pedro Sánchez -previo paso de Zapatero polo goberno-, provocou unha mutación fonda: o partido deixou de funcionar coma un instrumento político ó servizo da sociedade para converterse nunha maquinaria orientada á conservación a ultranza do poder.
Cando gobernou, introduciu reformas sociais que contribuíron a mellora-las nosas condicións de vida.
Nese proceso, a organización deixou de servir a unha idea e foi esta quen pasou a ser rea dunha elite; o que nacera como unha casa común para os españois, transformouse nun espazo cativo, pechado e ó servizo do seu líder. Velaí como o prístino “manual de resistencia” derivou, de socate, nun “manual de supervivencia política”, caracterizado pola confrontación, a ausencia de ideas, a carencia de principios e unha acción política dirixida cara un só horizonte: a continuidade de Pedro Sánchez no Pazo da Moncloa, sen importa-lo prezo a pagarmos.
Ademais -e isto agrava a situación-, estamos ante un problema que non é só político, tan sequera só social, senón tamén moral. Por que, cando o poder se exerce desde o caudillismo e a obsesión por perdurar, todo se reduce á mísera condición de moeda de troco. O proxecto -e canda el, a vida de millóns de persoas-, transfórmase nun cheque político ó portador, o goberno pasa a ser un espazo controlado por un círculo pechado e a lealdade transmuta nunha sórdida estadea de bandullos agradecidos, nutridos pola dependencia, a submisión e a fidelidade interesada. E neste caldo de cultivo, é onde medra a corrupción organizada.
Hoxe comprobamos que a disolución da socialdemocracia española non é froito da derrota electoral continua, nin do avance doutras ideoloxías; é a súa transformación nunha estrutura de resistencia persoal quen liquida paseniño a historia e o sentido institucional dun proxecto político que un día representou algo moito máis grande. Hoxe, asistimos ó paradoxo de que o “manual de resistencia” non é máis que o síntoma claro da decadencia socialdemócrata en España. Porén, coma dixo Ortega: “Escuchad lo que he dicho y olvidad que yo lo he dicho”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último