E se non era certo? E se o era?

A TRIRITA

Publicado: 30 may 2026 - 01:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Hai algo ben peor que non crer en nada, dito sexa sen ánimo ningún de ofender. Pero si, si que o hai: crer en todo. Cando menos nestes días, porque noutros non é tan doado coma hoxe. Estou cismando no auto que conmove a toda a Península, este gran pelexo de touro que nestes días se nos amosa sarnoso e irrecuperable, porque parece ser que o é; parece ser que non temos remedio. Leas o que leas, escoites o que escoites e mesmo que penses o que penses, o pelexo do touro, a península caseque enteira, este pelexo que a recubre e protexe, semella estar sendo esfolado.

Disque tanto na guerra como no amor todo está permitido. Estao? Se o está, tamén debería estar todo regulado. Sempre escoitamos dicir que a liberdade propia remata onde comeza a allea. Está sendo así? Non o parece. Poñamos que un xuíz ou unha xuíz, levados dun gran sentido do deber, sementan dúbidas sobre o comportamento dun cidadán. Poñamos que, pra moitos, ese seu xusticeiro afán vai a misa, que é palabrita del Niño Jesús, pero que a fin de contas veña resultar que usaba gafas deformadoras da realidade. Como se lle devolve a dignidade ferida ó obxecto das súas pescudas?

Todos sabemos que, pase o que pase, haberá que dirimir quen sae gañando e quen perdendo.

Poñamos que, caso contrario, as pesquisas resultaron ser certas. Que pasará, entón, con aqueles que defenderon a inocencia do tan ardorosamente sinalado, facéndoo de boa fe e convencidos da honradez do acusado? O seu criterio vai quedar sen crédito ningún. Non vai ser doado que ninguén reclame as súas opinións nunca máis. Todos sabemos que, pase o que pase, haberá que dirimir quen sae gañando e quen perdendo. A convivencia? O sentido da lealdade? O respecto ás ideas e ós comportamentos alleos?

Seica hai un país, non moi lonxe do noso, no que unha publicación que botou andar o que o afectado por ela denunciou como falsa sexa suspendida de inmediato. Se entón e tamén de contado se demostra a verdade ou a falsidade da acusación, o autor dela deberá facerse cargo das perdas ocasionadas pola suspensión temporal do medio que tramitou tal despropósito; caso contrario, de ser certa a acusación, ha ser o acusado quen deberá afrontar os gastos derivados da suspensión amén de se someter ó xuízo condenatorio da sociedade.

Será que vou vello e fabulo, pero cando eu era neno, algo que sucedeu hai xa moitos anos, falábase da existencia dos testigos falsos que, con todo o impudor e a maior desvergonza do mundo prestábanse, previo acordo monetario, ás chamadas dos avogadiños das silveiras que era como se lles coñecía ós licenciados en Dereito capacitados por lei pra actuar nos xulgados diríase que con total impunidade.

Haberá quen sospeite do meu equilibrio emocional abondo alterado como pra afrontar este tipo de disquisicións sin sinalar a ninguén co dedo e dando alas a unha fabulación froito da condición de escritor de novelas. Se un repasa a historia e comproba a da España dos séculos que median entre o XVI e o XVIII verá que nela, ven reflectida na picaresca española e se deu orixe a inmarcesibles personaxes literarios, entre eles a presenza de avogados e clérigos que sobresaían por riba dos lazarillos e dos cegos de solemnidade.

As mentalidades colectivas, a historia que as recolle e nolas relata, cócense a lume manso no decorrer dos tempos. Nada sucede porque si. Non hai efecto sen causa. Ó absorbente Felipe II chamámoslle o Rei Prudente. Ó felón de Fernando VII dicímoslle o Desexado. Mentres aquel mantiña aquel Imperio no que o sol nunca se puña, grazas co ouro que espertaría a nosa lenda negra, estoutro traizoaba ó seu pai e ó seu país coa obsecuencia máis perniciosa que puido atopar pra contentar ó auto coroado emperador francés. Estará habendo hoxe algún emperador ó que teremos que contentar agora? Mal asunto se así fose. Mentres que aquel gabacho construíu un imperio, este emperador de hoxe é posible que xa encontrase feito o seu. Lástima. Temos un clero máis purificado do que nunca desfrutamos, aínda non moito, pero moito máis ca onte, pero non se sabe en cal medida estamos sendo un tirizó no ollo dun emperador alleo. Cremos en todo ou podemos non crer en nada?

Contenido patrocinado

stats