Arturo Maneiro
Lucha intestina en el PSOE
O ANXO ANTHEÁN
Estou de parola con Atheán á sombra. Sentamos na terraza do ourensán café A Coruñesa, baixo a ollada de bronce do Padre Feijoo. A pluma na mau dereita e un tomo do seu Teatro crítico universal debaixo do outro brazo. A leria d’huxe -como din na Terra de Celanova- sacouna o anxo, outravolta transfigurado en Martiño Touceda, gobernixo psicólogo que detesta e persegue ós fumadores. O conto veu polo acto de entrega do premio Trasalba. Comentamos que a galardoada será Galaxia, no setenta e cinco aniversario de andadura. Máis ca unha editorial, unha institución ó servizo da lingua e a cultura do país. Saíu o asunto da herdanza de Ramón Otero Pedrayo e a vontade do escritor de que a súa Casa Grande de Cimadevila, Trasalba de Amoeiro, tras a súa morte, fose destinada a residencia literaria. Manda que, se dúbida, honra a Don Ramón mais difícil de levar a cabo daquela, a finais da década dos setenta do pasado século. Bo foi que a histórica segunda vivenda, convertida en Casa-Museo, foi conservada e adecuada, en canto a servizos, pola Fundación que leva o nome do Patriarca.
Atheán valeuse esta vez do sabichoso Touceda para me atentar. “Sabes, díxome -nun ton irónico e medio insolente- que Máximo Gorki convenceu a Stalin, para que asignase unha parte do bosque de Peredélkino, nas aforas de Moscova, que pertencera a un aristócrata, para convertelo na vila onde os escritores soviéticos puidesen crear nun ambiente de plena natureza e silencio.”
Calei e contesteille que era un tema interesante. Seguimos falando de significadas casas de literatos en Galicia; desde a da Matanza de Rosalía de Castro, en Padrón, ata o exceso de Iria Flavia, montado por Camilo José Cela. Cando me pareceu, despedínme de Martiño Touceda. Cheguei ansioso a Guimarás, onde vivo. Rebusquei nos papeis e atopei o que quería. Unha crónica do encontro mundial de Poesía que organizamos en Compostela, desde o noso PEN, en 2001. A Unesco proclamara, dous anos antes, como Día da Poesía cada vinteun de marzo, para promover a diversidade lingüística e cultural. Xuntamos en Santiago a máis de medio cento de poetas, representativos de Europa, Iberoamérica, Asia e África. Entre os destacados estiveron os Nobel Wole Soyinca e Derek Walcott. Mais non eran iles os que buscaba.
Tratábase da poeta, tradutora e impresionante recitadora Bella Ajmandúlina (Moscova 1937-Moscova 2010). Era aquela a súa primeira viaxe a España e veu acompañada polo seu compañeiro, o pintor Boris Messerer. Desde a capital rusa chegaron a Madrid, pero por un retraso non puideron coller o voo que lles correspondía a Santiago. Non nos avisaron do percance e voaron a Compostela ó día seguinte. Unha vez no aeroporto de Lavacolla a parella procurou un taxi e entregáronlle unha nota que puña Hostal dos Reis Católicos. O chofer dubidou que aquelas dúas persoas que non falaban máis ca ruso, modestamente vestidas, fosen a parar no suntuoso e caro Parador. Decidou levalos a a un hostal máis económico. Alí se hospedaron e alí comeron e beberon o primeiro día. A dona do aloxamento, cando viu a Bella fotografada nun xornal, chamounos por teléfono e aclarou o equívoco.
Resulta que Bella Ajmandúlina foi unha das escritoras que gozou do privilexio de ter unha dacha (vivenda no campo, fóra da capital) en Peredélkino. Ademais dela moraron nesa pequena cidade, Boris Pasternak, Kornei Chukovski, Arseni Tarkovski, Rober Rozhdéstvenski (os catro alí soterrados), Illiá Erenburg, Yevgueni Yevtushenko e outros grandes...
Aínda máis, con ocasión de celebrar o PEN Internacional o seu congreso de 2012 en Moscova, xuntanza contra Putin, asistín como delegado por Galicia. Tiven asi ocasión de estar, con colegas de todo o mundo, unha maña enteira en Peredélkino. Lembro que me erguera tarde e que non dei chegado ó almorzo. Subín ó autobús en xexún e, ó baixarmos na Casa da Creación da vila literaria, antes rexentada pola Unión de Escritores Sovíéticos, só nos ofeceron vodka e uns petiscos cativos. Co frío e coa neve non lle puxen reparos. Heille enviar a Atheán os materias que gardo daquel congreso, da excursión a Peredélkino e unhas notas que redactei alí. Coa meirande resaca da miña vida.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
La Región
CARTAS AL DIRECTOR
Gracias por tanto doctor
DE CAMBADOS A OURENSE
Condenado por dirigir una red de droga local pero absuelto del alijo de Perú
POSIBLE CONTAMINACIÓN
Axentes ambientais recolleron mostras do vertido na lagoa de Antela, en Sarreaus