Jenaro Castro
TRAZADO HORIZONTAL
El show de la tiranía
Diarios do pasado
A historia dun lugar está moi relacionada coas súas pontes. Os ríos foron medios de comunicación, mais tamén separaron territorios, facéndose imprescindibles solucións para franquealos. Por iso en maio de 2022 escribía neste mesmo medio sobre a Ponte Vella, un dos tres símbolos da cidade -coas Burgas e o Santo Cristo- que sostén o imaxinario popular. Hai tempo, a través do amigo e profesor Afonso Monxardín, a TVG propúxome un percorrido por estes enxeños que salvan o Miño. Camiñamos entre o viaduto do ferrocarril e a ponte do Ribeiriño, visitando ademais a Vella, a Nova e a do Milenio, as que seleccionei para narrar a relación de Ourense co río, pese a que non sería ata a década de 2000 cando se integraron as ribeiras para o uso cidadán, coa apertura do circuíto que se completou coa construción da pasarela de Outariz, rematada en 2006, posibilitando un paseo circular de case 15 km a través da presa de Velle.
Existen poucos estudos específicos para as pontes. Recoméndolles “Pontes históricas de Galicia”, dos enxeñeiros Segundo Alvarado, Manuel Durán e Carlos Nárdiz, o “Roteiro das pontes de Ourense”, de Afonso Monxardín e Segundo Alvarado e o máis recente “A Ponte Maior. La razón de ser de una ciudad: el puente romano-medieval de Ourense”, de Juan Carlos Rivas que, desafortunadamente, nos deixou fisicamente o pasado 25 de xuño. Aínda que o río tradicional de Ourense foi o Barbaña, o Miño sempre estivo coa cidade: proporcionaba peixe e os coiñais aprovisionaban de materias de construción, sobre todo para muros das fincas e pavimentos de rúas e prazas. Pero as enchentes constituían un perigo e o caudal, aínda en estado normal, era un obstáculo a salvar, función que historicamente lle correspondeu á Ponte Vella.
De feito tiveron que transcorrer case dous milenios para que o Ourense actual contase cunha nova, a “Ponte Nova”. O cualificativo “actual” é porque, lembren, ata 1943 o barrio e contorna da Ponte era termo municipal de Canedo. Facíase imprescindible unha nova conexión coa puxante e populosa zona que medraba ao redor da estación do ferrocarril, que naquel entón emprazábase xunto ao actual edificio da Escuela Normal e o Instituto de Ensino Secundario 12 de Outubro. Cando visiten a zona, poden comprobar como na praza do General Moscardó aínda se conserva un semáforo ferroviario, herdanza daquelas instalacións.
A ponte ten unha discreta e elegante estética modernista, cunha estrutura de seis arcos de medio punto de cantaría e un de ferro cunha luz de 74 m, obra dos bilbaínos Talleres de Zorroza. Canteiros pontevedreses de Cotobade labraron os perpiaños con granito de Outariz, incluíndo un friso de “palmetas” modernistas e composicións coa simboloxía profesional dos Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos: a ponte, a áncora e as ramas de palma e carballo. As farolas de fundición que completan o mobiliario urbano son dos madrileños Talleres Iglesias. Dende o punto de vista urbanístico, esta estrutura representou un forte pulo para a cidade. O efecto foi esencial porque permitiu estirala cara o norte, contribuíndo a crear a actual zona centro, que se agrandou coa rúa de Curros Enríquez, potenciando máis a contorna do parque de San Lázaro e comunicando Ourense -recorden que daquela só ocupaba a marxe esquerda do Miño- coa estación ferroviaria, xestións que se iniciaron o ano 1895. Pero a administración ás veces é lenta. Así, despois de varias solicitudes por parte do Concello de Ourense ás Cortes Generales nos anos 1908 e 1909, a ponte comeza a construírse en 1911 baixo a dirección do enxeñeiro redactor do proxecto, Martín Díez de la Banda, se ben non se rematará ata os inicios do verán de 1918, baixo a dirección de Miguel Fernández García. Para que se fagan unha idea, os trámites para abrir a actual rúa do Paseo comezan en 1873, coa idea de prolongar a rúa de Lamas Carvajal -entón rúa do Instituto- e saír do recinto case medieval do núcleo histórico polo norte, iniciando a característica fisionomía urbana contemporánea neste sector Centro.
A construción e apertura para uso de vehículos e peóns da Ponte Nova, indirectamente deu nome á Ponte Vella, antes a única existente nun radio moi amplo, tanto río arriba como leito abaixo. Fíxense que parecendo que a Nova leva aí dende sempre, en 2018 só cumpriu cen anos, un curto período para a evolución urbana.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Jenaro Castro
TRAZADO HORIZONTAL
El show de la tiranía
EL ÁNGULO INVERSO
La ética del “killer”
Antonio Nespereira
PERDÓN POR LA MOLESTIA
El pan con el sudor de la frente
Xavier Castro
A MESA Y MANTELES
El pulpo seco que se consumía en Ourense
Lo último
La Región
Amor y desamor
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este lunes, 12 de enero
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: lunes, 12 de enero