A realidade supera á ficción

DENDE SEIXO-ALBO

Publicado: 15 abr 2026 - 01:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Despois de ver as decisións dalgúns gobernantes actuais, lembro as imaxes dos chistes ou tebeos onde os heroes sempre saían ganándolle ós malos, aínda que, desta vez, semella que todo será ó revés. Os persoeiros naqueles chistes eran os que sempre apelaban a xustiza e, ademais diso, facían obras boas. Eran algo semellante ás persoas que tiñan algúns poderes especiais, mais sempre traballaban a favor dos máis débiles. Daquelas, a realidade sempre estaba por debaixo do que se entendía como a ficción. Pois a ficción era o que considerabamos como un conto ou unha esaxeración que, aínda que nos gustaba, sabíamos que non era posibel, pero que liamos con sumo gusto. Os heroes daqueles libretos eran o Capitán Trueno, o Jabato, Roberto Alcázar, etc. Todos tiñan poderes extraordinarios e arranxaban conflitos entre a xente. Eles eran os bos, eran como modelos a seguir. Pois ben, dende o atentado das Torres Xemelgas nos EEUU, semella que a realidade na que vivimos supera á ficción, dado que ninguén esperaba unha acción terrorista tan bárbara daquelas dimensións.

Mais o que acontece nestes tempos no mundo supera toda imaxinación que podíamos ter os humanos. Primeiro vemos as guerras case en directo. Vemos destrución e morte e facémolo case con normalidade. Vemos tamén xente pasando fame, implorando para coller algo para levar á boca, e xa nin nos inmutamos. Ollamos derrubar edificios e incluso execucións en directo. Tamén escoitamos falar ós gobernantes máis bárbaros e inhumanos que despois de Hitler podíamos maxinar. Xente sen escrúpulos que, aferrados ó poder, machacan a poboacións sen piedade en base a ideoloxías e principios que din ser bíblicos e polo tanto relixiosos. E por se fora pouco, vemos gobernantes mofándose doutros gobernantes con facianas e ditos que non son superadas polos humorista máis avezados. Mais dentro dese contexto, os europeos de hoxe asistimos a esta comedia bárbara nun silencio clamoroso que anuncia un panorama desolador. Si, un panorama onde se invaden e destrúen países; onde se ignoran e saltan todas as leis internacionais; onde a lei que impera é a do máis forte.

As veces penso que a perda duns valores e principios éticos e morais axuda e moito a que medren estes comportamentos bárbaros

Hai uns días escoitei que pertencer á cultura occidental era manter vivos uns principios nos que os dereitos humanos e o respecto ás leis son a base fundamental da nosa civilización. Mais o silencio europeo non me gusta ren. Se todas esas leis, xunto ós organismos internacionais como as Nacións Unidas, quedaron inutilizados e foron arredados polos acontecementos que vivimos, a lei do máis forte camiña sen que ninguén diga nada. Ate non hai moitos anos, a realidade non era superada pola ficción. Era como un conto que sabíamos que debuxaba unha situación irreal. Agora con tanta tecnoloxía acontece que a realidade supera todas as previsións que anos atrás nos parecían fora do sentido común. Agora todos nós estámonos afacendo a ver como normal tanta morte e tanta destrución. E con estes antecedentes caben varias preguntas: camiñamos no mundo cara a lei da selva ou, se o prefiren, a lei dos máis bárbaros? Camiñamos cara unha deshumanización e perda de racionalidade? Estamos tan cegos para non ver que esta situación lévanos cara un desastre mundial?

As veces penso que a perda duns valores e principios éticos e morais axuda e moito a que medren estes comportamentos bárbaros. Pois todo iso axuda a que non vexamos o perigo que corremos como humanidade.

Se hai uns cantos anos a realidade non superaba a ficción, hoxe semella que a realidade ensínanos e normalizar o máis absurdo e incluso chocalleiro que podamos maxinar. A faciana de certos persoeiros que hoxe aspiran a seren emperadores no planeta Terra, e que están a pasar por riba dos dereitos das persoas e dos estados, debía facernos ver o perigo que hoxe ten a sociedade actual. Corren malos tempos, esperemos acontecementos e iremos vendo.

Contenido patrocinado

stats