A recuperación do Barbaña

Publicado: 30 jul 2025 - 06:10

Opinión en La Región | La Región
Opinión en La Región | La Región

Hai uns días a prensa local anunciou que o Consello de Ministros tomou o acordo pra que se faga o contrato das obras de Saneamento e mellora da Depuradora de San Cibrao das Viñas por 35 e pico millóns de euros. Con esta nova danse pequenos pasos, aínda que con moita lentitude, pra mellorar un río que dende a década do sesenta do século pasado, sofre unha contaminación froito do proceso industrial do polígono de San Cibrao das Viñas e máis adiante da área comercial de Barreiros. Un proceso que trouxo, como acontece na maioría destes casos, vantaxes e tamén inconvintes. Pois, nin as empresas nin as administracións públicas tiveron en conta a defensa do medio natural. Polo que esta decisión tenta arranxar un asunto que ven daqueles anos, dado que na década dos sesenta o importante era modernizar o pais. Pretendíase naqueles escuros anos fuxir do atraso económico a calquera prezo. E así naceron moitos polígonos industriais por todo o territorio do Estado, todos sen ter en conta nin valorar o custe contra a desfeita do medio natural.

Facendo un pouco de historia, ate a mediados da década dos sesenta do século pasado, o Barbaña era o lugar onde moitos veciños de Seixalbo, de Mariñamansa e do Polvorín, nas datas de estío, achegábanse ó río pra tomar un baño naquelas pequenas presas que nutrían ós muíños que daquela existían.

Facendo un pouco de historia, ate a mediados da década dos sesenta do século pasado, o Barbaña era o lugar onde moitos veciños de Seixalbo, de Mariñamansa e do Polvorín, nas datas de estío, achegábanse ó río pra tomar un baño naquelas pequenas presas que nutrían ós muíños que daquela existían. O río estaba vivo e era un lugar ideal pra fuxir das calores á beira das súas sombras. Mais a partires do 1966 chegaron as primeiras industrias que vertían á rede de sumidoiros que ofrecía este polígono e que, en dous grandes colectores, vertían ó Barbaña en Ponte Noalla. Lembro as continuas denuncias da Asociación San Breixo a partires do ano 1986. Mais o certo é que a directiva desa asociación veciñal, despois de moitas notas de presa e protestas, decidiu asistir a un pleno no Concello de San Cibrán da Viñas onde, despois de moita insistencia, pois a alcaldesa dona Elisa Nogueira non quería escoitar as nosas denuncias argumentando que non eramos veciños do seu Concello, lanzounos un papel que era a comunicación que lle daba a COTOP, no que lle anunciaba que faría unha depuradora pra tentar sanear o río. Como o río estaba moi contaminado e cheiraba e fedía moi mal, na cidade houbo voces que falaban de tapalo cunha placa de formigón. Obra que nunca se fixo, pois sería unha barbaridade. Anos máis tarde, viñeron as inversións da Xunta, en concreto da COTOP, e foi cando se canalizou e se fixeron os paseos laterais, que hoxe existen. Coa posta en marcha da Estación EDAR fomos visitar a Depuradora onde os técnicos comunicáronos que a depuración soamente abranguía a primeira fase de limpeza das augas, co que se limitaba a sacar os sólidos dos vertidos. O certo é que o río mellorou algo, mais aínda queda moito por depurar. Ademais, pra que a canle estea máis coidada, compre que se respecten as súas beiras cos metros de paso obrigado para ter uns accesos e camiñar ó seu carón. Dado que, de pouco valen as leis actuais do medio natural se non se cumpre ningunha.

Cando disto van trinta e pico anos, parece que polo menos nun tramo importante tomaranse medidas para o saneamento desta mal tratada canle natural. As denuncias daqueles anos e o traballo de Ríos Limpos comenza a dar o seu froito. Esperemos que as obras empecen e iremos vendo o que acontece. Dado que, aínda que moi tarde, este río, ó que a cidade lle deu as costas moitos anos, poda mellorar e ser un espazo máis apreciado para o desfrute dos ourensás.

Contenido patrocinado

stats