Redacción escolar

MI PLAN PERFECTO

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

E chega o profesor a clase o primeiro día. Preséntase, dá o horario, pasa lista, fala dous minutos da organización da materia no curso... E cala. Mira pola fiestra, suspira e di. “Algunha pregunta? Todo Claro? Todos calan, míranse e reméxense nas sillas. E el segue: “Para empezar collede un papel. Poñédelle o nome que ides facer unha redacción e así vexo como escribides. Tema, ‘O meu verán’ ”. Algúns sorrín e pensan outra vez. Pero eu, logo de mirar o teito e morder o taponciño azul do bic cristal, suspiro e poño o nome e o número 44 -daquela había moita xente nas aulas e non pasaba nada- e empezo a fabular. Mellor facer algo orixinal para que non se aburra o profe ao ler... se é que o le, claro; que non o creo. É para matar o tempo; os primeiros días son difíciles. En fin, voulle facer unha invención de vida.

Ola. Teño seis anos. Gústame a praia. Facer castelos co cubo e a pala e xogar con outros nenos. E a sombrilla con mamá. E xogar co balón grande e azul, de inchar, de Nivea, que un dia se escapou co vento e corrín detrás. Non me gusta a agua cando está tan fría que se che poñen os dedos engurrupitados, como de vello. Pelei os ombros tres veces co sol; pica pero pasa. Máis Nivea da lata de lata. Non me gusta que me manden a durmir a sesta nin que me fagan esperar a tres horas para bañarme porque din que se me corta a dixestión e podo morrer. Non o creo. Gústame ver de noite os arrastres na praia con lanternas, e como saltan os peixes e escapan da rede. Estamos na casa da señora Laura en Panxón e fai caldeirada cos peixes que rompen no arrastre.

Ola Teño doce anos. Gústame a praia e andar en bicicleta. Non queren que vaiamos pola carretera pero imos con coidado. Un día tiraron desde un helicóptero postais e todos corremos detrás. As veces pasan avionetas con propaganda cogada. Miramos como pampos. Gústame ir coa pandilla a facer merendolas. E como tocan a guitarra, que eu non sei. As nenas fan funcións de verán, e aos papás caelle a baba. E gústame xogar coas ondas e deixarme arrastrar en plancha. E ir coller espigas de millo para asar. Na praia hai varias pandillas, uns máis de Vigo, outros de Ourense. Ah, roubáronme a bicicleta e quedei sen ela.

Despois de estar escavando o verán pasado na Lanzada, en Moaña, en Oirós, este verán tocou Italia.

Ola. Teño catorce anos. Este verán montei en avión por primeira vez. Londres é grande, pero fomos a Éxeter en bus. No colexio fixemos amigos italianos. E italianas. Moi falangueiras. Simpáticas. Un día de excursión desaloxáronos por unha ameaza de bomba da estación de autobuses de Torquay. Non era nada. Na casa da familia, non se come nada ben. Un día, fíxenlles eu unha tortilla de patacas e lamberon os dedos. A vella da casa deume un abrazo que case me esmaga, cando me comentou que viñera despois da II Guerra Mundial do interior de Polonia, e eu lle preguntei se de Lodz ou Cracovia -eran os nomes que saían no mapa de Europa que tiña colgado enfronte á cama na casa- e resultou ser dunha aldeíña ao pé de Lodz.

Ola. Teño dezanove anos. Despois de estar escavando o verán pasado na Lanzada, en Moaña, en Oirós, este verán tocou Italia. Que ben o pasei. Ía por quince días e botei tres meses. Aprendín a fala. É fácil. No campamento arqueolóxico había xente de todos lados. Karen de Nova Zelanda, Erick de Canadá e moitos, claro, italianos. E italianas. Non sei se quedarme. Cinzia de Lecce, o sur feito muller, -cun irmán que a vixía en exceso-; Antonella, milanesa, altísima e elegante; Luzía Bellaspiga, encantadora cristiá militante, e Susi, Susana Mancini, turinesa, medio danesa e roqueira. Toca o baixo; miña prenda.

Ola teño 29 anos. Este si, pero os dous últimos non tiven verán. En serio. Cadroume ir traballar a América do sur. E como fun no verán de aquí, no boreal, cheguei no inverno de alá. E así, varias veces. Cinco veces: inverno aquí, inverno alá, inverno aquí, inverno alá, inverno aquí... e agora chega o verán aquí. Xa teño ganas. Pero tampouco me molestaba andar por alá abaixo vendo como a auga do fregadeiro fai o remuíño ao revés e outras cousas raras daqueles países. E ir ao Pepe Fechorías. Un día, coincidín con Bermello. Pai. Si. É bo coñecer outros mundos que están, tamén, neste. De Igauzú a Patagonia. De Valparaíso a Mar del Plata. De Buenos Aires a Salvador de Bahía. Todo é xente. Só xente. Boa e ruín. Xente.

Ola. Teño trinta e cinco. Xogamos coas nenas na praia. Mellor dito, coa maior, aínda zarabeta. E gozamos toda a familia. A pequena está no serón, e só coidamos que non lle dea o sol de máis; Un pañal portugués para lle dar sombra. Belén e eu andamos botando contas para cambiar de casa facendo números coa hipoteca. Uff. Están altísimas. E números para a gardería e o colexio das nenas... E desas cousas... de maiores. Sen querer, pasou o tempo.

Ola teño sesenta e seis anos. Vaia se pasou o tempo. O verán está empezando. A roda xira. Marcharon xa moitos e os que chegan, fano moi de vagar. Co neto aínda non xogaremos na praia porque é case só un cachiño de unto, que come, caga, chora e ri. E volta a empezar. Só que nos babamos e ollamos nel tanto que teño medo que o desgastemos. Non me lembro de ter mirado así as fillas, pero seguro que si. E mentres gozamos do sol e da auga e lemos con gafas de presbicia, e centramos as nosas esperanzas en que non nos doa nada, e ir indo e ir rindo. Certamente, no verán os solpores son preciosos e despois, de caer o sol desde a corda frouxa do horizonte para a banda de alá, aínda resiste a luz, ben de tempo. Como a vida mesma.

Tocou o timbre, o profesor recolleu as redaccións e marchou, pensando, seguro, noutras cousas. Se cadra inda le algúns na outra clase cando lle estean escribindo a redaccións. Vai ti ver.

Contenido patrocinado

stats