Jenaro Castro
TRAZADO HORIZONTAL
El show de la tiranía
No ano 1926, hai nove décadas, durante a ditadura de Primo de Rivera, aprobouse o Decreto-Lei pra redención forzosa dos foros, que eran unha pesada lousa sobre os labregos e labregas. Foi unha decisión meditada, e tiña como obxectivo frear a crecente axitación campesiña que atinxía moi especialmente o mundo rural galego. Contou co apoio das asociacións campesiñas máis importantes, comezando polo sindicalismo católico (CNCA), así como dunha fracción dos que querían a abolición. O sindicalismo abolicionista (CRAG) propuña que non se lle dese compensación económica aos posuidores dos foros e tiña unha forte tendencia rexionalista e de esquerdas.
A redención non era o máis xusto, porén remataba cun sistema que causou que as terras se pagasen mil veces polos que as traballaban, mentres seguían sendo propiedade de fidalgos absentistas e de burgueses que vivían de rendas. Coa desamortización de 1836, os mosteiros deixaran de ser os grandes propietarios e foristas. Por certo, de pequeno souben dos foros a través do que meu pai me contaba na Arxentina. Dicíame que o meu avó emigrara a Cuba pra traballar na cana de azucre, e acadar recursos pra amortizar os foros, que seica eran da familia dos Valencia. Deste xeito, disque foi dos primeiros que rescatou as terras que a familia traballaba na aldea de Saumede, en Berredo, no concello da Bola.
A reivindicación pra eliminación dos foros non era algo novo. En todo o século XIX, especialmente no último terzo, destaca a loita campesiña contra as levas militares e os trabucos (impostos), mais sempre estivo presente a oposición aos foros. A Lei do 28 de xaneiro de 1906 permitindo o asociacionismo no agro, malia que limitado á modernización do sector, abre unha fiestra pola que os foros se converten en cuestión central. Un ano despois, nace Solidaridad Gallega e a Unión Campesina, e deseguido o Directorio Antiforal de Teis e o Comité Antiforista de Becerreá. Só pola iniciativa de Solidaridad Gallega creáronse 400 sociedades agrarias, e en 1908 sumaban 30.000 familias asociadas.
A acción dos agraristas colleu pulo coa realización das Asembleas Agrarias, e a publicación da revista Prácticas Modernas, dirixida por Rof Codina, coa que buscaban contribuír á mellora da produción e ao desenvolvemento agrario. A primeira asemblea realizouse en Monforte en 1908, así como as de 1910 e 1911. Nelas tivo un papel destacado Solidaridad Gallega, e figuras como Rodrigo Sanz e Casares Quiroga. A 4ª e 5ª asembleas fixéronse en Ribadavia, nos anos 1912 e 1913 respectivamente. Nelas tería un papel relevante Acción Gallega e o verbo aceso e popular de Basilio Álvarez. Mais as conclusións non foron por onde quería o abade de Beiro, que as valorou así: "O noso eterno xemer, a nosa ancestral humildade, a nosa mansedume secular...". A 6ª asemblea realizouse en Redondela no ano 1915 e a 7ª e derradeira na Coruña en 1919. Nesta recuperarían protagonismo Rodrigo Sanz e Casares Quiroga, e abolicionistas como Dionisio Quintillán.
Este período non estivo exento de grandes mobilizacións e revoltas campesiñas, moitas tinguidas de sangue das vítimas labregas. Algunhas de tanta gravidade, como a de Oseira en 1909 (Cea), a de Nebra en 1916 (Porto do Son), Sofán en 1919 (Carballo), e Sobredo en 1922 (Tui). Esta última provocaría que Basilio Álvarez escribise en La Zarpa: "Xa temos bandeira: os mortos. Xa temos soldados: os campesiños. Xa temos patria: Galiza". La Zarpa publicouse en Ourense entre 1921 e 1936. Resulta evidente que a a lei de redención forzosa dos foros non foi unha concesión da ditadura. Foi produto da loita contra a inxustiza, contra a explotación e a opresión. Unha loita na que participaron por igual homes e mulleres, como se reflicte nos xornais do momento e na relación de vítimas da represión.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Jenaro Castro
TRAZADO HORIZONTAL
El show de la tiranía
EL ÁNGULO INVERSO
La ética del “killer”
Antonio Nespereira
PERDÓN POR LA MOLESTIA
El pan con el sudor de la frente
Xavier Castro
A MESA Y MANTELES
El pulpo seco que se consumía en Ourense
Lo último