Reler a Epicteto

Publicado: 02 ene 2025 - 00:31

Non sei como estará hoxe o día pero, cando eu estaba escribindo isto, ía un frío moi competente… se me deixan botar man do adverbio que tan a miúdo utilizaba Pancho Pillado, aquel home bo, aquela boa xente, á que tanto se lle debe no que respecta á cultura de nós e, de xeito significado, ó arte de Talía. Pero vivimos nuns días algo avoltos de maneira que, neles, as influencias adoitan vir da man de xentes que, ós da miña idade, antóllansenos non lles quero dicir como, convencido como estou de que, a bos entendedores, son abondo poucas palabras.

O caso é que, por fóra, vai un frío que pela e a min vénseme á cabeza o desprezo que Epicteto sentía polos cínicos que, nos seus días, seica tiñan o costume de se espir de toda roupa e, unha vez en coiros, abrazábanse ás estatuas, espidiños como quedaran, cando as estatuas estaban xa conxeladas, e permanecían así pra que a xente soubera da súa capacidade de resistencia.

Confésolles que a servidor sempre o impresionou moito isto da estatuaria, comezando pola muller de Lot a que fuxindo, non recordo de si Sodoma ou si de Gomorra, quedou convertida nunha estatua de sal parece ser que sen proveito ningún, vai ti saber por que. Un belisco de sal anima moito o polbo á feira, por exemplo, e os salgadoiros nútrense del, do sal, chegado o tempo de salgar xamóns e outras viandas que non se dan naqueles desertos polos que andou Lot, unha vez que enviuvou dunha muller que lles debeu ser moi salada. Ímolo deixar eiquí que xa empezo a esvarar.

Volvín ós seus escritos e neles á consideración que lle mereceu Epicteto, escravo que foi doutro escravo chamado Epafrodito

Epicteto foilles un estoico, como ben saben vostedes todos. Confésolles -hoxe o día déuseme así- por botar en falla a lectura dos seus textos; o problema foi que non me decidín á relectura de ningún deles; en troques, optei por recorrer ós textos de Luciano De Crescenzo; un italiano que foi amigo de Giuseppe Tavani e que puiden coñecer en Nápoles, pero non estaba de deus de xeito que, morto Tavani, o gran amigo de nós, o gran amigo de Galicia e da súa literatura medieval, quedeime sen falar nunca co ex enxeñeiro reciclado en escritor; por tanto volvín ós seus escritos e neles á consideración que lle mereceu Epicteto, escravo que foi doutro escravo chamado Epafrodito. Noutra ocasión o mesmo lles conto algo.

Os tempos vividos por eles foron como todos pero seica, algo se pareceron a estes nosos de hoxe. Neles a política foilles profesión de alto risco. Según di De Crescenzo fórono non tanto pola tolemia que afectou ós emperadores como pola ambición das súas mulleres. Livia, Agripina e Mesalina deixaron exemplos abondo que xustifican, cando menos en parte, o criterio que o autor napolitano nos ofrece nos seus libros pra amparar o seu criterio. Magoa que hoxe non se atopen os seus libros coa facilidade necesaria. Ó millor, nun día calqueira no que non vaia tanto frío, atrévome a transcribirlles algo deles, dos libros do autor que me quedei sen coñecer; ben que o sinto. Non tanto coma boto en falla ó finado Tavani e a Giulia Lanciani, a súa esposa, tamén amante desta Galicia na que as súas mulleres tanto levan dito e tanto aínda lles queda por dicir.

Contenido patrocinado

stats