Fernando Lusson
VÍA DE SERVICIO
Una solución demorada
O sol vira sobre si mesmo e xira arredor do centro da Vía Láctea. Arredor del, a Terra fai cada ano unha elipse que dá lugar ás estacións, e á súa vez xira sobre si mesma, xerando o día e a noite. E arredor da Terra, a lúa dá voltas ao tempo que xira sobre si mesma xerando, por exemplo, as mareas. Todas estas voltas, tan axustadiñas entre si, permiten que nun recuncho do universo este planeta azul dea acubillo á vida cos seus ritmos circadiáns.
O 12 de agosto todos estes xiros inmensos enfiáronse para nos asombrar cun eclipse de Sol, un encaixe que volverá producirse cada certo tempo seguindo normas ben definidas e verificables.
Admiro ben aos meus amigos agnósticos. O mundo segundo eles xurdiu por un azar impersoal, como o dunha bola de billar que peta nas demais e ponas a rodar ciscándoas ao chou. Nese asombroso azar hai que crer que cada certo tempo esas bolas que botaron a andar segundo lles petou, se enfíen cunha exactitude matemática e volvan poñerse en liña á volta dun tempo definido cunha preocupante regularidade precisa. Sen dúbida, os meus amigos agnósticos amosan unha especial fe para se satisfacer con esta explicación.
Hoxe pensei nos hugonotes, protestantes franceses sometidos a xenocidio e expulsados da súa terra até sitios como Xenebra; alí montaron a reloxería suíza. Como explica ben Max Weber, anoxaban do luxo e por iso renunciaron á ourivaría e usaron a súa excelencia profesional para construír os máis exactos reloxos. Como dicía o famoso reloxeiro suízo Vacheron Constantin: “Faino mellor se é posible, e sempre é posible”, seguindo polo miúdo as indicacións de Colosenses 3,23: “Calquera cousas que fagades, facédea de corazón como algo feito para o Señor”.
En troques dunhas bolas de billar ciscadas ao chou, seméllame máis crible entender o funcionamento do mundo como o dun inmenso reloxo suízo no que cada engrenaxe, cada espiral, cada volante, cada estrela, cada planeta, cada satélite, cada órbita, foi fermosa e exactamente deseñado por un coidadoso reloxeiro que un día lle deu ao péndulo para botalo a andar cunha finalidade: crear as condicións xustiñas que permitisen a vida na Terra. Cando contemplamos un eclipse, decatámonos da perfección tan inmensa como exacta e intelixente dese reloxo deseñado e posto en marcha por alguén marabilloso.
O eclipse é un chisco de ollos que o noso Creador nos deixa cada certo tempo para que coñezamos a súa personalidade. Esa personalidade inclúe un amor que o levou a baixar do seu faiado de reloxeiro para pousar onda nós, comprender os nosos dolorosos desaxustes e perdas de engrenaxe, facelos propios e pagar por compoñelos o prezo da súa propia vida. O día que tal fixo o noso Creador, ese día non apareceu ó chou; ese día foi xustiño aquel no que no reloxo do universo a lúa se cruzaba unha vez máis entre o sol e a Terra para producir noite en pleno día. Foi ás doce do mediodía dun día do ano 33, a hora xusta na que Xesús morreu.
O día pasado foi emocionante ver como, despois da escuridade do eclipse, a lúa continuou ca súa órbita e unha lisca de sol xurdiu no borde, logo un cuadrante, e logo a lúa foise indo correndiño até deixar brilar ao sol a encher, co seu pleno poder xerador de luz e vida. A escuridade da morte de Xesús tampouco foi quen de permanecer; foise indo correndiño e a luz da vida volveu para ficar para sempre entre nós.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
PLAYAS CERCA DE OURENSE
Dos refugios naturales de Galicia: el paraíso surfero de Ferrol y la ribera estival de Verín
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este viernes, 14 de agosto