Respirando coa arte

ARTE ET ALIA

Publicado: 27 abr 2026 - 05:55
Alba Fernández na mostra e unhas das obras na galería DodoDadá.
Alba Fernández na mostra e unhas das obras na galería DodoDadá. | La Región

Así na sala de arte do campus de Ourense, U. Vigo, e na galería-taller DodoDadá. Naquela o artista portugués Alexandre A. R. Costa con A céu aberto, uma exposição em devir. E na segunda Alba Fernández, arquitecta de formación, con Un mundo por pensar. Dedicada ao deseño e á ilustración dende posicións artísticas, idea unha proposta de novas realidades dende a súa necesidade vital e persoal para a mostra que exhibe na mencionada galería-taller, matinando na idea que teñen os cativos, segundo a percepción dos adultos, do seu asombro, inocencia e bondade, cheo de candor, idealismo e esperanza. Admira aqueles tempos en que absorbemos o mundo cos ollos ben abertos como por osmose. Eis para ela, dende fai anos, unha teima, traballando co grafo ou rotulador, e collage, engadindo manchas de cor, forma de ver o mundo cun ar simple, seudo-Naïf, buscado dende a madureza da vida. E tamén agora con volumétricos cubos de cores planas, aos que engade as súas características obleas que adoita incluír sobre papel ou tela. Ten a crenza de que o mundo pode ser mellor, con esperanza. As formas etéreas, asentadas na imaxinación, centran a exposición. E fala de cambiar o mundo coas nosas mans, que hai moito que se pode facer. Aquelo de que o camiño máis longo comeza cun paso. E tamén que moitos poucos fan un moito. O que semella unha volta á infancia, dun xeito lúdico -que reivindica-, e dende a súa altura de muller e anos manda unha mensaxe dándolle a man á nena que leva dentro. Eis como un xogo. Mais xa Johan Huizinga estudara e demostrara no seu clásico ensaio Homo ludens, que o xogo é unha condición fundamental para o desenrolo vital dos adultos. E da cultura tamén...

As formas etéreas, asentadas na imaxinación, centran a exposición. E fala de cambiar o mundo coas nosas mans, que hai moito que se pode facer.

En Alterarte

Na outra punta da cidade áchase Alexandre Augusto Rodrigues da Costa (Braga/Portugal, n. 1973), docente desde 2002, e doutorado en BB. AA./escultura na U.Vigo, 2016, actualmente profesor do departamento de Artes Plásticas da Universidade do Porto. Como artista expresase nunha hibridación con variados medios, fotografía, vídeo deseño, performance ou instalacións. Chega da man da comisaria Sara Fuentes á sala que coordina Javier Blanco Sierra para e unha mostra na que expresa a súa praxe “como unha arqueoloxía viva da miña práctica: ‘escavar’ e compilar fragmentos” acurrunchados e dispersos no taller, traballando o concepto do “atelier como espazo permeable”, consonte co seu xeito de pensar. Eis unha suxestiva instalación, un tentar conectar co que chama o real “que se infiltra, e reorganiza tempos, materias e decisións”: a auga. Velaquí a expresión do arjé primordial, principio de tódalas cousas para o filósofo presocrático Tales de Mileto. En sala, nas paredes laterais, dun lado, unha tela expresionista con pinceladas brancas sobre fondo escuro, e enfronte outras imaxes en telas, que semellan nubeiros. E no espazo central dispón dende unha casiña nun pedestal, até unha composición natural dobre en repisas, unha queimada con outra verde na parede do testeiro. E nun mobiliario de laboratorio elementos orgánicos en redomas, unha planta nun terrario, praderías e un cabalo... Para a curadora é un champ de forces entre “o facer solitario do artista e a experiencia compartida” cando o manifesta. Dúas proposicións estéticas dende o persoal.

Contenido patrocinado

stats