Arturo Maneiro
PUNTADAS CON HILO
Como si no fuera con él
DIARIOS DO PASADO
Esta semana sorprendeume o adhesivo que apareceu pegado nunha fonte do parque de San Lázaro, no picho de beber xunto aos bambáns dos nenos. Está asinado por un grupo denominado “siareiros U.D. Ourense” e, con letras moi maiúsculas, reza o lema -se aínda segue no sitio- REVVE AURIA. Eu non son gran afeccionado ao fútbol, aínda que os que me coñecen saben que sinto especial debilidade polo equipo da cidade máis grande de Galicia, aquel que viste de branco e celeste -adiviñan?- e, segundo a tradición local, dende 1931 ten dereito exclusivo a lucir a cruz de Santiago no escudo por gañala nun campionato entre os equipos galegos. Non sei que haberá de certo niso. Quizais un día averiguarémolo. Pero volvendo sobre o asunto do dito adhesivo, algo me chamou a atención de forma poderosa no rechamante deseño a base de negro e vermello. Aparece a palabra Revve. De inmediato saltou a dúbida: será en referencia ao deus prerromano Revve Anabaraego, o descuberto nas escavacións arqueolóxicas das Burgas? Pode que a miña percepción estea influída por tantos anos exercendo a arqueoloxía municipal. Pero así pode ser e, recoñezo, así o desexaría.
A serie de intervencións arqueolóxicas que promoveu o Concello de Ourense deron resultados moi interesantes e substanciosos
Aínda que xa o relatei en moitas ocasións, ven a conto lembrar o nome do deus en relación coas escavacións das Burgas. A serie de intervencións arqueolóxicas que promoveu o Concello de Ourense e dirixiu Celso Rodríguez Cao, deron resultados moi interesantes, substanciosos, sobre todo polo uso especializado, de momento exclusivo con respecto ao resto da cidade, dos baños termais. As escavacións, sumadas ás de L. Orero no patio co colexio das “Josefinas”, ofreceron dous sectores balneario diferenciados: un con uso fundamentalmente hixiénico ou de ocio, formado por estancias con calefacción -hipocausto- que se distribuían tanto polo dito patio do colexio, como polas fincas traseiras da rúa do Vilar. O outro sector, xunto aos mananciais, e localizado detrás da propia rúa das Burgas, no solar denominado Casa dos Fornos, tiña un uso terapéutico e relixioso. Os restos arqueolóxicos máis relevantes son as ruínas dun edificio que garda no seu interior unha piscina. Aínda que faltou por escavar unha parte, con toda probabilidade esa piscina nutríase coa mesma auga que a Burga de Arriba. E o máis interesante é que a auga estaría sacralizada pola acción do deus Revve Anavaraego, como testemuñan as seis aras atopadas ata o momento en relación co edificio, aínda que nunha delas Reve se escribise así, cun só “v”.
Se os símbolos arqueolóxicos de Ourense comezan a utilizarse como identificación de colectivos, tanto deportivos como do tipo que sexan, incluso de negocios, é un indicio de que os elementos patrimoniais van penetrando pouco a pouco no imaxinario público, nunha memoria de calidade por estar neste caso referendada polo método arqueolóxico. Sen ánimo de facer publicidade, na rúa de Cervantes hai uns apartamentos turísticos anunciados cunha placa onde aparece reproducido o debuxo dunha ara -un altar- tamén das Burgas en cuxa inscrición pódese ler o nome de Reve Anabaergo, que é exactamente o mesmo deus, aínda que neste caso concreto está escrito cun só “v”.
As Burgas son a orixe simbólica -que non única- do primeiro asentamento romano na cidade, que vai camiño de cumprir os dous milenios, e un grupo de seareiros da U.D. Ourense reviviu ao Revve do lugar buscando nel éxitos para o club. Que así llos outorgue.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
CRISIS EN COMEDOR DE CÁRITAS
El Banco de Alimentos de Ourense se vacía, sin donaciones ni voluntarios
PLANES EN OURENSE
Agenda | ¿Qué hacer en Ourense hoy, sábado 30 de mayo?