Detrás do manto de poder

TÍA MANUELA

Publicado: 05 ago 2026 - 00:40
La Región

Que estará pasando para que ninguén, nin os máis listos, saiban nada do que pasa. Un deputado galego, despois dunha crise política que se cargou a parte do goberno autonómico, dixo coa man no peito, do lado do corazón, aquí, “pasou o que pasou”. Todos o entenderon. Entendérono os representantes dos distintos grupos parlamentarios, os representantes das múltiples institucións, asociacións e confrarías; os de dereitas, os de esquerdas e os de “todo vale”. Tanto foi así, como contamos, que os universitarios abriron liñas de investigación para pescudar que era o que pasou e para interpretar o acontecido.

Moitos dos protagonistas daquel momento poderían explicar que é o que está pasando na actualidade, nestes tempos, cando a cidadanía e as autoridades tratan igual aos xabarís que aos veciños que se achegan na procura de pan, aínda que sexa seco. Que estará pasando no mundo para que haxa un nivel de deshumanización tan enorme? Onde estarán metidos os defensores da solidariedade internacional, da igualdade e dos dereitos humanos?

Moitos queren atribuír o desdén á cor da pel da xente

As persoas responsables de vixiar o cumprimento das normas, as que dirixen gobernos, controlan espías, embaixadas, fronteiras, negocios, comercios, estradas, aramados, reixas e pasos, están extasiadas ou embelesadas por mor da calor deste tempo tan caloroso.

Armando de Cotobade, alí, na taberna, dicíao moi claro: “que esperten, aínda que lles doa! Se polos mecanismos oficiais ou polos seus propios medios, non saben o que pasa, que acendan a radio e que, ao amencer, lean algún dos xornais de Galicia”. Todo está escrito e falado, pero non sabemos, a cidadanía non sabe cal é o motivo, a razón ou a sen razón do ocorrido.

Moitos queren atribuír o desdén á cor da pel da xente. Outros moitos saben que iso ten unha importancia pequena e moi menor, comparada coa dor e sufrimento de tantas persoas enganadas, dun lado e do outro da fronteira, que ben parece continuar escangallada, esbandallada de esquina a esquina. Física e moralmente esmendrellada.

A Tía Manuela, como di Antonio Muñoz Molina, en referencia ao xornalista Manuel Chaves Nogales, sitúase sempre ao lado das persoas que sofren, desprezando ao compadreo daqueles que acubillan a mentira e, se lles convén, fabrican noticias falsas detrás do seu manto de poder.

Contenido patrocinado

stats