José María Eguileta Franco
Equinoccios
CASTELLUM HONESTI
Os días pasan, as semanas corren e estas, carentes de calquera tipo de rubor ou complexo, desembocan nuns meses nados cun estigma orixinal representado na súa vocación innata de se converter na autoridade temporal do ano. De igual xeito, mentres completo un traxecto cotián preconcibido, diante dos meus ollos os quilómetros caen un tras outro e sen solución de continuidade, ligados entre si coma os elos dunha cadea sen fin que move a vida e goberna unha nova forma humana de medi-lo tempo. Trama a tramo, son consciente de que a autoestrada forma parte da miña rutina diaria; caio na conta de que constitúe o vieiro que vencella fortemente a Compostela con Ourense -ámbalas dúas, para min, cidades senlleiras-, atándoas cos fíos dun vello nobelo patriótico que, pouco a pouco, tecen unha vida ateigada de experiencias e responsabilidades, valéndose dunha agulla guiada por milleiros de quilómetros de vocación, compromiso e servizo a unha causa: Galicia.
Sempre que podo desvíome ó Ribeiro para seguir a interpreta-la sinfonía pedagóxica dos seus silencios e sentirme máis humano e, sobre todo, moito máis galego
Agora ben, sempre que podo desvíome do meu traxecto habitual para gozar un anaco da bendita terra do Ribeiro. Concibido como o meu Macondo particular, a contemplación da súa paisaxe é un dos motivos que sustancian as miñas reflexións sobre o -en ocasións- necesario eterno retorno; esa alegoría nietzscheana do cíclico, unha sorte de odisea da alma platónica na procura da inmortalidade. Por iso, pregúntome moitas veces, por que non volver, aínda que sexa da cando en vez, ó lugar onde un día fuches feliz? A resposta en positivo sobrevén de socate e sen esforzos por que esta terra non é simplemente un punto no mapa de Galicia, senón o recordo agarimoso dun estado emocional pletórico; un refuxio mental onde o tempo non discorre á mesma velocidade e onde a miña alma se sente, aínda hoxe, libre e completa. Un fogar espiritual que construín con cada palabra, con cada liña e con cada parágrafo, redactados para evocar unha vida experimentada con todo a intensidade posíbel, nun universo experiencial completo no que a maxia e a realidade seguen na actualidade, teimudas e autoritarias, a se mesturar no meu maxín.
Como dicía, O Ribeiro é o espazo que escollo normalmente para facer unha pausa vital co gallo de gozar de algo tan simple e reparador como unha respiración profunda, serea e tranquilizadora, case sempre negada noutros lugares. Unha ollada ás montañas, ós ríos, ós vales ou unha conversa coa xente, representan a materia prima máis acaída para construí-los meus soños de país e fuxir dunha realidade oficial que ten na vulgaridade e a superficialidade, os seus elementos máis abafantes. De aí que endexamais agochase que me encandea aprender do silencio pedagóxico dunha viña ribeirá; constitúe unha desas leccións maxistrais que me imparten acotío as cepas centenarias nesa universidade da natureza que é para min este territorio. Mestre ó tempo que arquivo e biblioteca, no seus amenceres, O Ribeiro sabe ben como ensinarme a crer nos poderes da fe e mais da esperanza; en troques, durante os seus solpores adoito tomar notas sobre como reflexionar a partir da experiencia vivida e así, ó bordo doce da inconsciencia, alimentar de leccións e sensacións a caixa dourada da miña intrahistoria.
A paz, o equilibrio, a tradición e un toque sutil de maxia e misterio; velaí a mestura harmoniosa de cousas simples que me permite recarga-la batería o suficiente para afronta-la algarabía e os sen sabores da vida cotiá. Asemade, a variedade de castes maxestosas e de reguengo que poboan o seu tapiz vexetal, se me presenta como a testemuña que a historia recrutou para que faga de albacea e administradora desa manchea de segredos que, durante séculos, se transmitiron de xeración en xeración até nós. Por iso, sempre que podo desvíome ó Ribeiro; para seguir a interpreta-la sinfonía pedagóxica dos seus silencios e sentirme máis humano e, sobre todo, moito máis galego.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
PEREGRINACIÓN QUE INSPIRA
El documental “Peregrina de Invierno” inicia su andadura
EXPOSICIÓN CONMEMORATIVA
Los vínculos ourensanos y granadinos de Camilo José Cela
FESTIVAL DE MAGIA
Abril arranca con magia en la villa de Ribadavia
TENSIÓN GLOBAL EN AUMENTO
Trump ve bien retirar las bases en España y otros países OTAN