SMAUG O DRAGÓN

Publicado: 19 dic 2013 - 08:40 Actualizado: 11 feb 2014 - 00:01

Que Tolkien era extraordinariamente intelixente ninguén o dubida. Do seu cranio privilexiado xurdiu a Terra Media, o núcleo xeográfico no que se desenvolven as aventuras e desventuras de tantos personaxes como creou. Aí están os orcos, por exemplo, feroces e feísimos. Tamén os elfos, eses orelludos inmortais. Ou os ananos, coñecidos pola súa avaricia. E o mago Gandalf. E Bilbo, o hobbit. E Smaug! O gran Smaug! Un dos personaxes máis atraíntes deste monumental animalario mitolóxico do escritor! O dragón malvado que cimbrea o corpo con esmero, malia a súa enormidade. Perverso e mordaz, o devandito animal tenta amedrentar a Bilbo Bolsón, con preguntas capciosas que, malia resultaren evidentes, conseguen aumentar a tensión dramática. Realmente, Smaug non está desolado, mais cabreado. Así é que agarda, avidamente, o intre exacto para abrir a bocaza e tragar ao hobbit. Referímonos aquí ao filme de Peter Jackson que, obviamente, ha ser o rei da taquilla. Malia todo, segue sendo unha peli interesante. Que o cinema comercial é efectista, ninguén o cuestiona. Porén, nesta saga dos aneis, cómpre facer unha excepción. Estamos ante un filme cun decorado excelente, con escenas de acción ben logradas, como a dos toneis ou a das arañas, e personaxes gloriosos, tal é o caso de Smaug, esa besta da enormidade, orgullosa, incisiva e malévola, que traerá á memoria os mellores monólogos de Gollum. Iso si, non perdendo nunca a obxectividade, pois, malia o poderío do dragón, Gollum faise insuperábel. A súa personalidade escindida e mais a irrefreábel velocidade interior que o pon fóra de órbita, converten a Gollum nun personaxe inolvidábel. Con Smaug, salvando as distancias -Gollum é Gollum-, temos algo parecido. O dragón atrapa a atención. Seduce co seu sarcasmo, sobre todo porque esa educación súa para comunicarse con Bilbo, a quen quer botar o dente, non deixa de ser un exercicio retórico que, precisamente polo pracer que lle provoca, amosa unha das moitas facianas deste animal: o seu lado cortés.

Antropófago si, pero con estilo. Do mesmo xeito que a serpe edénica, este ser ignífugo pode queimar coa súa maledicencia, metafórica e literalmente -lémbrese que bota lume pola boca-, mais el non arde xamais. A cousa non pinta ben para Bilbo Bolsón que, coma David ante Goliath, ten de se enfrontar á brutalidade de Smaug para conseguir o que busca. E aí quedamos. A espera entón da terceira parte, pois, malia as imperfeccións da anterior entrega e desta última -pénsese nas críticas pola estensión innecesaria-, queremos ver a saga completa.

Contenido patrocinado

stats