Juan M. Casares
CASTELLUM HONESTI
O son do colleiteiro
CASTELLUM HONESTI
Non hai dúbida de que O Ribeiro é un territorio histórico que construíu a súa identidade arredor da produción vitivinícola. E fíxoo mediante un proceso secular no que a figura do colleiteiro representou -aínda hoxe o fai-, un xeito senlleiro de entende-lo viño: o viticultor, recollendo o coñecemento acumulado durante xeracións, cultivaba as súas propias viñas, elaboraba na súa pequena adega e comercializaba un produto que reflectía as características do territorio onde fora concibido.
Se recorremos á memoria histórica, atopamos que, tradicionalmente, case tódalas familias ribeirás elaboraban o seu propio viño; era unha produción que satisfacía o pequeno consumo doméstico e o combinaba cunha parte moi importante que destinaba á venda, erixíndose nun dos recursos económicos da casa. Este sistema produtivo xerou un intenso comercio que converteu ó Ribeiro nun dos grandes centros vitivinícolas da península grazas a unha rede comercial na que tiveron un papel fundamental os corredores e almacenistas. Estes, percorrían as adegas probando os viños, seleccionaban os mellores e adquirían partidas que logo distribuían nas vilas e cidades galegas. Xunto ós arrieiros, responsábeis do transporte en recuas de bestas durante séculos, fixeron posíbel que o viño do Ribeiro chegase ós principais mercados nacionais e ós portos desde os que se internacionalizaba. Porén, na segunda metade do século XX, o modelo transformouse co nacemento das cooperativas e a evolución dos antigos almacenistas cara a adegas elaboradoras; unha mutación que obrigou a moitos viticultores a deixar de elaborar e centrase na produción de uva. Ó mesmo tempo, nas cidades proliferaban as tascas onde o Ribeiro era o viño de referencia, moitas delas rexentadas por emigrantes da comarca que se abastaban co viño elaborado polos seus familiares, mantendo viva a tradición dos pequenos produtores.
O colleiteiro é, en definitiva, unha figura senlleira da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro
Esa continuidade histórica levou á Xunta de Galicia a recoñecer oficialmente esta realidade produtiva coa Orde da Consellería de Agricultura do 12 de maio de 1987, na que introduciu, por vez primeira, a definición legas das industrias de “viños de colleiteiro”. A norma definíaas como aquelas dedicadas á elaboración e embotellado de viños procedentes só da colleita propia, de variedades autorizadas en Galicia e cunha capacidade máxima de 600 hectolitros. Deste xeito, a disposición superaba a cuestión técnica e lle daba cobertura xurídica a unha tradición centenaria ó recoñecer oficialmente un modelo produtivo propio de Galicia e, de maneira especial, do Ribeiro. Asemade, diferenciaba a esta figura das adegas elaboradoras de maior dimensión e establecía un marco normativo adaptado ás súas características propias.
Grazas a este pulo legal, e ó abeiro dunha conciencia sobre a calidade que medraba, o colleiteiro soubo evolucionar: modernizou as instalacións, mellorou as técnicas de elaboración, apostou decididamente polas castes autóctonas -das que foi un dos seus principais conservadores-, e adaptouse ás novas esixencias dos mercados sen renunciar á súa identidade. Froito desta aposta, o mercado erixiuno hoxe en protagonista xa que nun contexto no que os consumidores buscamos autenticidade, producións limitadas, trazabilidade e historias reais detrás de cada botella, o colleiteiro nos ofrece aquilo que leva facendo dende hai séculos: viños irrepetíbeis, fondamente vencellados ó territorio e espellos da personalidade de quen os elabora.
O colleiteiro é, en definitiva, unha figura senlleira da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro. Nel conflúen a historia, o patrimonio, a paisaxe, a economía, a cultura e a tradición. Para min, representa o doce son desa sinfonía secular que interpreta unha continuidade na maneira de facer viño e que, despois de sobrevivir ás transformacións do século XX, se presenta hoxe, varuda e lanzal, coma un dos grandes elementos diferenciais do Ribeiro.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Nueva tecnología
Suiza quiere construir la mayor gigabatería de flujo del mundo
AGRADECIDO POR LA ALCALDESA
Un particular dona un camión para que Trives se refuerce contra el fuego