Tapiz plástico feminino na sala Valente

ARTE ET ALIA

Publicado: 20 abr 2026 - 00:45
Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Toda exposición colectiva está feita sempre de desexos e expectativas por parte dos participantes. É sempre un reto facelo ante a presenza no elenco dun ou doutro, o que supón unha tensión neles, o que as veces frustra para o comisariado algunha das escollas iniciais. Esta persoa adoita ser a que deseña a liña expositiva temática, e as obras expostas, polo que ten que manexar rexistros a fin de conseguir dar luz e voz á idea da curadoría artística. Eva Torres, directora da sala, foino de novo nesta segunda edición dedicada a mulleres artistas co gallo do Día Internacional da Muller, unha xornada para acadar unha sociedade máis igualitaria, un día que pon a vista nun percorrido cara unha maior calidade democrática. De onde, o título desta mostra da sala Valente, Marzo todo o ano. Velaquí o fío maior.

Toda exposición colectiva está feita de desexos e expectativas, e supón sempre un reto no que a comisaría debe dar luz e voz á idea curatorial

Ben a ser como unha mensaxe do Concello dende a sala institucional, máis aínda ao ser a sala municipal nos últimos tempos tralo peche incomprensible do museo na rúa Lepanto, que funcionaba como o escaparate plástico de referencia. Nel expuxeron, entre outras, Lola Veiras, Tareixa Taboada ou Isabell Seidel, artistas desta colectiva. Coa última reabriu, logo dunhas obras, cunha exposición nos dous andares e temática centrada nas rúas da cidade. Agora amosa paisaxe, seu centro persoal. Lola, con En el umbral de la vida, expresa dende unha muller moza cun tocado a modo de coroa de flores o antigo consello de Eros, “xaipe”/goza, esencia do ser; e Taboada trae Atómica, heroína hipersexualizada vestida de coiro e armada, sentada nun pequeno can-globo máis de festa infantil que o de gran formato de Jeff Koons, no que se inspira. Este critica o mundo vacuo, banal e de farsa, mais como Chéjov dixera: “Na arte non se pode mentir pois non soporta a mentira”. Son tres das vintecinco seleccionadas, todas cunha obra agás Anxos ou Olga Reinoso.

Dende Lola Doporto a Gill Bird, María Jesús Ballester, María Victoria Berjano, Ofelia Cardo, Mayte Diz, Ana Fernández, Ana Ferreiro, M. Manxela, Ana Navas, Alba Fernández, De Padua, Laura Paz Somoza, Cristina Roo e Inma Solleiro, que participan con Sula Repani e Fluir como el agua en el río, metáfora da pintora ateniense na que unha parella núa abrázase nunha folla, sobre as augas, obra central da mostra. María Puertas propón subir montañas; Elena Guevara (sur les) Toits dunha cidade francesa, minucioso debuxo arquitectónico de mansardas, obra que a define. Carmucha Vázquez Prats con Afilador transpórtanos ao pasado cun friso do rural de noutrora centrado na natureza, neste caso animada, de axustada técnica. E Ehlaba Carballo de Dios con “76”, óleo de 2008 co que propón deixarmos de miradas microscópicas, dándonos conta dende unha visión macroscópica do noso planeta e humanidade, cunha visión holística global, pois “estamos unidos por unha rede invisible dende a que -ogallá- “construiamos cada día a paz”, comentou. A mostra destila liberdade. Houbérame gustado que debutaran Marita Carmona, Elena Malleira, Tamara Feijoo, Carina Rodríguez, Mar Ramón, Fen Mugüerza, Ruth Martínez, Rebeca González, Judith Galiza, Lidia Villarino, Luz Nóvoa, Berta Ares, con Mané Boán (+2011) e Méborat (+ 2012). Ogallá outro Marzo en Outono...

Contenido patrocinado

stats