A teima de meter os fociños

PINGAS DE ORBALLO

Publicado: 19 sep 2026 - 04:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Modifiquei a estrutura do ADN dun cangrexo e, en vez de andar de lado, botou a voar. Non sei se foi un éxito científico ou unha auténtica putada para o cangrexo, pero o certo é que voaba. E aquí aparece a pregunta trampa: se os cangrexos andan de lado, por que dicimos «andar para atrás coma os cangrexos»? Quizais porque somos nós os que necesitamos que todo encaixe nas nosas expresións, aínda que a realidade teña a teima de non pedirnos permiso.

Pero o cangrexo non é o asunto. O asunto somos nós e esa afección tan nosa por meter os fociños onde ninguén nos chamou. Que me fixo a min o cangrexo? Nada. E, con todo, sentín a necesidade de modificalo, de darlle unhas ás para que fixese algo que nunca lle pedira facer. Se cadra porque temos esa manía de pensar que todo aquilo que non funciona como nós esperamos está mal feito.

Somos moi amigos de querer saber, de querer ditar, de querer manipular, de querer mandar, e bastante menos de obedecer, calar ou deixar estar. Queremos que os demais pensen como pensamos nós, camiñen por onde camiñamos nós e, se é posible, voen cando consideramos que chegou a hora de voar. Chamámoslle preocupación, consello, experiencia ou boas intencións. Ás veces mesmo lle poñemos un nome máis elegante: “é polo teu ben”. Curiosa expresión esa, que adoita aparecer cando alguén vai facer algo que nós non lle pedimos.

E así imos corrixindo vidas alleas: endereitamos pensamentos, limamos comportamentos e colocamos sentimentos no seu sitio. Se alguén anda de lado, queremos poñelo dereito; se vai para atrás, empurrámolo cara adiante; e se decide voar, xa aparecerá alguén para explicarlle que os cangrexos non voan e que toda a vida se fixo así.

Contenido patrocinado

stats