SENDA 0011
Frenar no es parar
O outro día un amigo, un bo amigo, confesábame o terror intelectual que lle causaban os todólogos; esa xente que de todo fala, que de todo entende e que sobre todo opina. Non quero deixar de dicir que a min a palabra todólogos antolláseme non só correcta senón tamén e a maiores indicada; moi indicada pola carga de ironía que contén a pouco que a pronuncies co debido sonsonete e sen necesidade ningunha de revirar o rebique do beizo e deixar que asome un dente cairo.
A primeira persoa a quen lla escoitei, foi a Xosé Luis Barreiro, o primeiro e fundamental vicepresidente do Goberno galego que, xunto con Ceferino Díaz, non o esquezamos, teceu os vimbios cos que se construíu o cesto administrativo autonómico. En realidade non lla escoitei, senón que lla lin; o que non ven sendo mesmo porque as palabras voan e do escrito queda constancia impresa. Foi lela e quedarme con ela. Hoxe e pra empezar boto man deste recordo.
Porén, cando crin que non podía millorala, que non había millor palabra que definise a condición de todologo, chegou Xosé A. López Silva e, falando a conto deles, dos todólogos, contoume o sucedido con un que se presentou nunha emisora de televisión disposto a que o contrataran como tertuliano nos seus programas de debate. Cando o que o recibiu lle preguntou en que era experto, o aspirante, sen dilación e polo que se ve tamén sen pelos na lingua, contestoulle moi cheo de razón que il era “un experto na totalidade”. Veleiquí temos a condición do todologo perfectamente explicada. Un todologo é un experto na totalidade. Admítense suxestións, a ver se hai alguén que o millore. Expertos na totalidade! Aí queda iso.
O finado do meu pai, cando se puña rosmón e deitaba queixas coma quen verte auga nun mar inmenso, ou sexa, sen que se note moito, adoitaba sinalar o feito, nun principio tan oposto, de que neste noso país tododios sabía de dereito e de medicina, mentres que se marabillaba do espectral silencio que sempre acompaña ós vellos xubilados, contempladores asiduos das obras en construción, maiormente nas primeiras horas de cimentación e fundamentación dos alicerces que haberán soster o conxunto a edificar. Aqueles tan laretas, tan expectantes estes.
Os vellos limitábanse, seguen limitándose á unha silente contemplación debida acaso a seren vellos e ou quizais por estar cheos de experiencias frustradas e ser sabedores de que un é dono dos seus silencios, pero nunca das súas palabras.
Debía ter razón o meu vello. En tanto experto como pulula polas emisoras de radio e de televisión non abunda a xente de idade, senón que máis ben todas esas son xentes de mediana idade cando non mozos que a penas están rompendo o cascarón do ovo académico do que proceden; no millor dos casos, porque malia que ovos lles boten bastante ó asunto, a formación académica adoita brillar pola súa ausencia.
Dende a traxedia tinerfeña, millor dito, dende a barbarie acaecida en Tenerife, non hai aínda moito tempo, posto que aínda a traxedia colea e espernexa, axita e conmove, os expertos na totalidade levan demostrado que non só saben de medicina e dereito, senón que os seus coñecementos abranguen os máis dos diversos saberes. O peor non é iso, o peor é que nos bombardean con eles en total impunidade sen que ninguén lles poña couto. Son falabaratos que repiten e repiten frases feitas e conceptos manoseados deica a náusea a forza de repetilos sen ter reflexionado nada a cerca deles.
A maioría dos todólogos peroran e peroran encol da violencia machista, condenándoa, como non debe ser menos, pero reducíndoa a ese estrito reduto existente no idílico (non sempre, desgraciadamente) ámbito familiar no que, según parece se resume todo e cada un repetise o seu rol coma se non fose posible outro; como se non houbera mulleres que lles baten ós seus homes; poucas, pero hainas; outras que os torturan psiquicamente, algunhas máis; ou outras que mesmo os envelenan de a pouquiños en porcentaxes ou descoñecidos ou a ocultar, porque haber hainos. Vaia se os hai. Un home que mata ós seus fillos, que logo mata a súa muller e que logo se suicida el, é un asasino, sen dúbida, pero é un maltratador, que o é, ou cabe tamén a posibilidade de considerar que fora el mesmo igualmente e dalgún xeito maltratado? Puidera ser el mesmo unha vítima de algo?
Hai que condenar o maltrato e hai que condenar ós maltratadores, sen dúbida algunha e coa maior firmeza. Pero a todos. Sen entoar sempre a mesma salmodia e a penas sen coñecer a fondo os feitos. Vai sendo moito horas de que a vara de medir sexa sempre a mesma sen previo e teimudo exame das causas reais porque ocasións hai nas que parecería que non sexa aplicable a mesma peneira a tódalas situacións que se producen.
É evidente que existe unha enorme desproporción entre a delincuencia masculina e a feminina. Hai máis malas bestas entre os homes que entre as mulleres, entre os pais que entre as nais. Pero iso non xustifica, nin moito menos, que non se teñan nunca e conta a totalidade dos datos a manexar e se condene, sen máis paliativos, sempre a unha parte da parella e nunca á outra. Semella unha actitude demasiado cómoda; ou dito doutro xeito: en absoluto incómoda, posto que vai fomentar a anuencia dos non pensantes e establecer uns códigos de conduta que non reflictan a máis crúa realidade do seu humano. A de que a súa racionalidade sexa este macho ou femia sexa, á súa vez, unha fermosa hipótese de traballo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
SENDA 0011
Frenar no es parar
Victoria Lafora
Cincuenta días después
Plácido Blanco Bembibre
HISTORIAS INCREÍBLES
PISA, anatomía de un informe
Xavier Castro
A MESA Y MANTELES
El vino que Cunqueiro bebía en las posadas de Francia
Lo último
A POR LOS 3 PUNTOS
El Arenteiro, a estrenarse ante el Lalín
UNA VIDA DE COLECCIÓN (XLVII)
Galería | El hombre que salvó una colección de fotos de guerra