Juan Pina
La radicalización ideológica de los jóvenes
PENSAR POR PENSAR
Habería de ter catro ou cinco anos cando o meu pai, por entón ferroviario, levoume da man para viaxar en tren por primeira vez de xeito consciente. Foi un domingo asollado. Percorremos o traxecto duns corenta quilómetros entre a miña cidade e outra populosa. Comemos na estación e volvemos. Desde entón amo viaxar en tren e practícoo asiduamente. Grazas a iso coñecín unha grandísima gama de convois circulantes. Cheguei en tren ata París, Berlín, Praga, Moscova, Roma, Lisboa… e visitei infinitos recunchos con encanto, pobos de paso ou cidades importantes de España. Con frecuencia chanceo dicindo que “viaxar en tren é como facer o amor: coñeces xente”. E é certo, nos trens tiven ocasión de falar con infinidade de persoas que nunca máis volvín ver ou fixen amizades efémeras ou duradeiras. Dous terzos da miña novela Martazul (premio Blanco Amor 2001) transcorren no histórico tren nocturno Rías Baixas entre Vigo e Madrid. En moitos dos meus contos a maxia do ferrocarril maniféstase a miúdo. Unha verdadeira debilidade.
Sufro cando accidentes como os de Angrois, a un quilómetro da miña casa compostelá, ou o de Adamuz, por cuxas vías circulei centos de veces, estalan no inferno das noticias tráxicas. A maioría da xente solidaria sofre polas persoas mortas, feridas e prexudicadas e a min espértame a rabia ao escoitar a quen leva á cabeza das súas conciencias o oportunismo partidario, por encima do bo sentido da convivencia. Hoxe a miña primeira consideración é, por tanto, de índole política. No escenario do drama daquel 2013 gobernaba Mariano Rajoy en España e Núñez Feijóo en Galicia. As controversias movéronse polos predios dos partidos minoritarios. Os dous grandes, PP e PSOE, apenas se sacaron os coitelos e acabaron asinando o que de facto se chamou “o pacto da curva” para dilucidar a verdade do sucedido e adxudicar responsabilidades. Despois de once anos (2024) chegouse a unha sentenza xudicial sen que iso signifique ter acadado a luz. Estes días en Adamuz vimos a Pedro Sánchez e a Moreno Bonilla exercendo a ponderación mentres Vox antepoñía os seus mandamentos púnicos por riba da convivencia e da dor. E, o peor, antes de vinte e catro horas un importante sector do PP de Feijóo hase mimetizado coa extrema dereita. Tamén nesta ocasión, entre bulos e intereses partidarios, tardaremos en coñecer as causas e a verdade da traxedia. Un mal fario para as vítimas de Adamuz e para o tren. As miserias deses políticos rompen os camiños da verdade e desvirtúan os esforzos dos profesionais do ferrocarril, dos socorristas anónimos e dos sanitarios voluntarios e abnegados que se sumaron á asistencia de feridos e familias damnificadas.
O ferrocarril é o medio de transporte colectivo máis seguro. Con todo non consigo conciliar esta aseveración coa especulativa necesidade de convertelo nun velocista desenfreado. Con frecuencia pregúntome onde reside a felicidade de alcanzar un destino a seiscentos ou mil quilómetros aforrando quince minutos coa rega de sufrir un contratempo irreversible. En menos de douscentos anos de historia ferroviaria pasamos de vivir nunha sociedade asustada fronte a posibilidade de circular a 48 quilómetros por hora á tolemia de viaxar sobre raís a 350 quilómetros por hora sen desintegrarnos, mentres ao virar a esquina anúnciase o “tren bala” capaz de alcanzar 1300 quilómetros por hora. Que fundamento sustenta esta filosofía do presunto progreso? Estes trens xa non son como facer o amor, representan ao miserable negocio intanxible de comprar e vender tempo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
daños al patrimonio natural
Un nuevo arboricidio en la calle Pena Trevinca
LEMBRANZAS
Ourense no Tempo | El Rápido F.C.
PRIMERA FUTGAL
El portugués Steven da Silva, nuevo tecnico del Monterrei