Isaac Pedrouzo
¡ES UN ANUNCIO!
El declive de una era
DIARIOS DO PASADO
Hai máis de 6.000 anos as nosas paisaxes comezaron a poboarse de monumentos megalíticos, enterramentos erixidos sobre todo por xentes neolíticas que estenderon o modo de vida campesiño polo territorio. Edificaron dolmens, cámaras funerarias, para enterrar aos defuntos. Construídas con grandes lousas de pedra -de aí a palabra megálito-, están cubertas con un túmulo ou mámoa, unha morea de terra e pedras que sobresae na paisaxe, destacando nos terreos chairos nos que se edificaban.
Non poucas veces vemos que a palabra latina “monumentum” procede do verbo “moneo”, que poderiamos traducir como advertir a presencia, comunicar ou lembrar, perpetuando así a memoria dos antepasados
Os túmulos dotan aos megálitos de grandiosidade, por iso os denominamos monumentos. Entre os arqueólogos existe o acordo de consideralos máis que simples sepulturas, dado que aqueles primeiros arquitectos da prehistoria crearon monumentos de forma intencionada. Non poucas veces vemos que a palabra latina “monumentum” procede do verbo “moneo”, que poderiamos traducir como advertir a presencia, comunicar ou lembrar, perpetuando así a memoria dos antepasados. Partindo desta idea, como adiantaba en estudos que publiquei anos atrás sobre a Baixa Limia en xeral, e do val de Salas en particular, a monumentalidade dun megálito está directamente relacionada coa súa visibilidade, é dicir, a perceptibilidade a certas distancias. Á súa vez, consideramos que a capacidade de ser visible, depende dous factores complementarios: a) O lugar de emprazamento, dado que non é o mesmo que se edificase nunha chaira -visibilidade neutra-, nun lugar destacado, tipo cumio dun outeiro -visibilidade potenciada-, ou en lugares como ladeiras ou fondos dunha depresión -visibilidades reducidas-; b) O volume do túmulo. Neste sentido, un sinxelo cálculo matemático pode axudarnos a cuantificar os volumes construídos dos megálitos, tanto para comparalos entre si, como para relacionarnos cos distintos emprazamentos onde foran edificados, caso, como vimos, de cumios, chairas, ladeiras ou fondos de val.
A mámoa ten forma semellante á figura xeométrica do casquete de esfera, razón pola que, xogando co radio medio e a altura do túmulo segundo a fórmula matemática desta figura -pódena buscar en internet- é posible medir o volume que se conserva cunha aproximación aceptable e así achegarnos a criterios de monumentalidade. Ao respecto, voulles ofrecer algúns datos recuperados dos ditos traballos na Baixa Limia, con cálculos efectuados con máis de 200 monumentos. Para poder establecer un criterio de partida, saiban o volume medio dos megálitos que cataloguei é arredor dos 190 m3, estando o patrón máis recorrente entre 50 e 150 m3 . Sen embargo, os volumes máis elevados son os dos edificados en orografías deprimidas e visibilidades reducidas, caso dos fondos de pequenos vales e portelas, cunha media de 334,5 m3. Estes datos agachan, no meu criterio, un exemplo de monumentalidade perseguida, buscada: o feito de construírse neses lugares pouco propicios para ser vistos, corríxese cun maior tamaño ou monumentalidade, ao tempo que indica que, obrigatoriamente, debían ser emprazados aí, e non noutros sitios, balizando -acaso ritualizando- lugares esencias para o tránsito nos camiños que utilizaban. A combinación destes datos con outras informacións, fainos sospeitar que nestes casos poden formar parte de rutas de longa distancia, constituíndo os monumentos megalíticos referencias esenciais nas novas paisaxes que están a configurar e construír estes primeiros arquitectos da prehistoria.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Isaac Pedrouzo
¡ES UN ANUNCIO!
El declive de una era
Patricia López
Brújula digital
Emprender no va (solo) de ideas, va de carácter
Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Intento de politizar la visita del papa
José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
Túmulos megalíticos e monumentalidade: algúns datos
Lo último
JUICIO EN OURENSE
Un año y medio de cárcel por cinco asaltos a negocios de Ourense
MALA GESTIÓN DEPORTIVA
No es oro todo lo que reluce en Primera Federación