Roberto González
Prevención contra absentismo e rotación laboral
Hai efemérides insignes que son imposibles de igualar e incluso de imaxinar. Refírome a que a Ribeira Sacra está a piques de cumprir un milenio. Hoxe conmemoramos 900 anos desde que un documento oficial falase deste máxico lugar, daquela nomeado coma Rovoyra Sacrata.
O nome aparece por primeira vez nun documento no que a raíña Teresa de Portugal, xunto co conde Fernando Pérez e co seu fillo Alfonso Enríquez, doan ao mosteiro de Santa María de Montederramo, o lugar de “Rovoyra Sacrata”, cuxos termos se delimitan no territorio de Caldelas, e concede sobre o mesmo privilexio de exención xurisdicional; datado o 21 de agosto de 1124 en Allariz, Ourense.
Un fito histórico que marca a identidade dun territorio que é moito máis que un simple lugar de singular beleza. Estamos nun enclave do mundo onde conflúen as provincias de Ourense e Lugo, a historia, a natureza, o patrimonio e un xeito de vivir e de entender a vida que lle confire á Ribeira Sacra ese aura tan especial que vén cultivando, como se vive a viticultura na súa impactante paisaxe: dun xeito heroico.
Un fito histórico que marca a identidade dun territorio que é moito máis que un simple lugar de singular beleza
Os recoñecementos a este universo comezaron coa declaración da Ribeira Sacra por parte da Xunta de Galicia como Ben de Interese Cultural o 27 de decembro de 2018, e a declaración, o 15 de setembro de 2021, como Reserva Mundial da Biosfera. E en abril deste ano chegaba a gran noticia: a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO, froito do excelente traballo desenvolvido polos responsables desta candidatura.
Unha tarefa dobre, pois fíxose necesario reformular a proposta logo daquel paréntese acordado en 2021, profundando no excepcional valor da Ribeira Sacra.
Un valor universal pola súa extraordinaria importancia natural; polo legado cultural e histórico que nos deixou; porque marcou un xeito de vida vinculado á terra e á vide; e porque ademais transcende calquera fronteira administrativa… porque somos moitos concellos aos que nos une a Ribeira Sacra: Nin tan sequera o río Sil é unha fronteira. O Sil atravesa a Ribeira Sacra, pero non a divide. Nin hai 900 anos, nin hoxe.
A provincia de Ourense non pode perder as oportunidades que se lle presentan. Para a provincia que represento, ter unha parte do seu territorio baixo a distinción de Patrimonio da Humanidade constituiría unha enorme vantaxe competitiva. Teríamos a oportunidade de ofrecerlle ao visitante un atractivo de primeira orde que sumar, por exemplo, a recursos singulares da nosa terra como o termalismo. Un atractivo máis que poríamos á disposición do viaxeiro a pouco máis de dúas horas de Madrid grazas ao AVE.
Pero, con todo, non nos quedemos só coa esperanza dunha candidatura nin, chegado o momento, coa satisfacción dunha declaración. Aínda hai camiño que percorrer, e cómpre facelo con sumo coidado.
Primeiro, temos ante nós un gran reto: Conservar eses valores naturais, culturais, sociais e patrimoniais que conforman a Ribeira Sacra. Un reto no que temos que traballar todas as administracións e entidades implicadas para sentar as bases dunha explotación turística sustentable.
Nos últimos anos asistimos a un despegue turístico desta zona que trouxo vantaxes económicas, de xeración de riqueza, emprego, e, sobre todo, fixación de poboación. Temos que engadir a todos estes factores a sustentabilidade, que sen dúbida converteranos nun destino más forte e sólido fronte as explotacións masivas.
E, en segundo lugar, cómpre darlle pulo a colaboración público-privada. Son moitos os campos nos que comprobamos os positivos resultados deste tipo de cooperación e creo que esta non vai ser unha excepción.
Estou a falar como presidente da Deputación de Ourense. Mais como alcalde de Pereiro de Aguiar, ás portas da Ribeira Sacra ourensá, comprobo case a diario a expectación que esperta este tesouro. A Ribeira Sacra sempre estivo, máis nunca como ata o de agora fomos tan conscientes da súa importancia, da súa singularidade e do altísimo valor que sempre tivo e que continúa a manter.
Por elo, non me cansarei de transmitirlle os meus máis sinceros parabéns aos autores desta candidatura por conseguir que non se perda ese sono polo que tanto loitamos. E aos responsables das administracións e entidades, quédanos impulsar este destino como un espazo sustentable e como exemplo do traballo coordinado entre o público e o privado. Cooperando, alcanzaremos ese milenio para culminar un fito histórico que suporá situar a este máxico territorio no lugar do mundo que lle corresponde.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
VUELTA EL 29 DE DICIEMBRE
El fútbol ourensano se va de vacaciones de Navidad con los deberes hechos
La Región
CARTAS AL DIRECTOR
Emprender para sobrevivir: las afganas no se detienen
EL GORDO FUE EL 79.432
El primer premio termina en 2 por primera vez en 35 años
DESTINARÁ DOS MILLONES
La Xunta comprará bajos para vivienda pública desde enero