Unha esmorga á italiana

¡BUONE VISIONI!

Publicado: 21 ago 2026 - 04:40
Unha esmorga á italiana.
Unha esmorga á italiana.

Le città di pianura”, traducido moi libremente en español como “La última ronda en Venecia” é a segunda longametraxe de Francesco Sossai, un cineasta e guionista italiano formado en Alemania. O filme estreouse na sección “Un certain regard” do Festival de Cannes de 2025 ademais de arrasar nos premios David de Donatello –os Goya italianos– levando oito galardóns e deixando sorprendentemente sen premios a outras boas películas da mesma tempada cinematográfica como “La grazia” de Paolo Sorrentino ou “Duse” de Pietro Marcello.

“La última ronda en Venecia” é unha comedia agridoce que bebe da tradición da comedia picaresca e traxicómica de directores como Mario Monicelli ou Dino Risi, especialmente de clásicos da comedia a la italiana como “Habitación para cuatro” (1975) ou “La escapada” (1962). Pero tamén con evidentes guiños estéticos ao cinema de Kaurismaki, Jarmusch ou Marco Ferreri.

Sergio Romano e Pierpaolo Capovilla interpretan a Carlobianchi e Doriano, dous veteranos amigos que encarnan o fracaso existencial e a decadencia dun País que viviu xa os seus mellores anos. Entre unha copa e outra, agardan o regreso de Genio (Andrea Pennacchi), un vello compañeiro que deixou Italia por Arxentina fuxindo da xustiza. Ao longo desta espera coinciden con Giulio (Filippo Scotti), un mozo e tímido estudante de arquitectura que busca o seu lugar no mundo e desbaratan a súa rutina. O inesperado trío emprende así unha viaxe aparentemente sen rumbo polas chairas venecianas, entre excesos, reencontros e pequenas revelacións...

Non é doado saber con certeza se o cineasta italiano lera “A Esmorga”, a célebre novela de Eduardo Blanco Amor –non existe ningunha declaración ou entrevista que o acredite– pero o filme ten evidentes conexión con ela. Hai profundas similitudes estruturais, psicolóxicas e incluso temáticas entre a novela e o filme. Ambas obras adoptan o esquema dunha viaxe sen rumbo, entre tabernas e bares de mala morte, onde o tempo cronolóxico se dilúe nunha borracheira ininterrompida. Ademais a tríade de personaxes do filme ten paralelismos entre os protagonistas de “A Esmorga”. Tamén en “La última ronda en Venecia” hai un personaxe, Giulio, que, ao igual que Cibrán se ve absorbido polos excesos dos outros dous personaxes máis maduros, e hai unha perda de inocencia por parte deste personaxe ao longo da historia.

A Ourense chuviosa e sórdida de “A Esmorga” podería ser comparada coa Italia brumosa, post industrial e periférica do Veneto descrito por Sossai. E o alcol, máis aló de ser un instrumento de celebración, é a expresión da melancolía, a anestesia que os personaxes asumen para enfrontarse ao tedio e a frustración.

Ao mesmo tempo a Italia levada ao filme é moi lonxe de ser unha postal. É unha imaxe inédita pero moi real do norte do país actual, ademais de ser unha panorámica sobre unha rexión moi pouco retratada no cinema italiano e que o cineasta demostra coñecer a fondo.

Quizais a diferencia máis grande coa novela de Blanco Amor está no final. A película non se converte nunha traxedia e retoma as directrices clásicas da “comedia a la italiana”. Máis que unha representación da autodestrución, no filme hai unha especie de epifanía ordinaria e necesaria, e unha aceptación filosófica da vida.

“La última ronda en Venecia” é un filme que promete ser amargo pero que acaba revelándose doce e optimista.

Contenido patrocinado

stats