Unha evocación de Jane Goodall dende a Baixa Limia

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 04 oct 2025 - 00:05

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Aquela mañá de primavera de 1994, afeitábame despois da ducha. Acabada de rematar outro capítulo da tese de doutoramento. Ao ordenador, un Commodore Amiga con emulador de PC costáballe procesar o ficheiro de texto creado con WordStar, programa que quizais alguén recorde. Íame vestindo sen presa, porque a cousa era lenta. Tomei un café e prendín a impresora matricial de nove agullas. Era todo un ritual. Cada vez que remataba un capítulo concedíame o premio de sair á rúa e tomar unha aperitivo, o que ocorría tras días recluído sen máis compañía que o ordenador, fichas e notas máis ou menos ordenadas sobre a mesa, rotrings e papel vexetal para reproducir os debuxos e planos necesarios, que remataba con letras Decadry numerando os valores das curvas de nivel recén calcadas dos planos do Instituto Geográfico Nacional. Tiña que adaptar a representación do territorio ás miñas necesidades. Eran as ferramentas que manexabamos naquel momento. Pero cando o atolado carro da impresora matricial comezou ou seu incesante grafía de ida e volta, semellante aos das máquinas de escribir -pero accionados polo ordenador-, algo me retivo.

Levada tempo ocupado en apoiar cada afirmación do texto que redactaba cun dato de campo ou cunha cita bibliográfica autorizada.

Polo seu significado, aquel capítulo non se parecía aos outros. Era o último. Por fín vía culmidada unha labor que me levara anos de traballo de campo e meses de redacción. Foi unha sensación difícil de describir. Por un lado, unha satisfacción indescritible pero, por outro, como un parón en seco, tal un vehículo ao que lle activan o freo de man en plena marcha. Levada tempo ocupado en apoiar cada afirmación do texto que redactaba cun dato de campo ou cunha cita bibliográfica autorizada. Así é o valor científico propio destes traballos académicos. Antes, viña de pasar moito tempo na Baixa Limia, prospectando o territorio na busca de monumentos megalíticos e de xacementos da Idade do Cobre. O traballo tentaba explicar como se pobou o territorio naquelas datas prehistóricas, aproximadamente entre o Vº e IIIª milenio, por suposto antes da nosa era. Foi entón cando decidín agardar a que rematara a impresora. Servínme outro café e sentei de novo fronte ao teclado para escribir un epílogo sobre o tempo que pasara naquela comarca, cos habitantes -non poucos acabaron sendo amigos- e cos restos do seu pasado, antes de que o Limia, o Lethes, como crían os antigos, borrase os recordos. Quería agora desatarme do pensamento e das metodoloxías académicas para deixar saír as sensacións, os sentimentos, que non deixan de ser ideas prístinas construídas coa confluencia de saberes, valores e emocións. Son momentos nos que vellas lecturas estratificadas, como nun xacemento arqueolóxico, veñen a mente e nos axudan a entender que cada meta alcanzada é unha porta á nova realidade que experimentamos cando evoluciona o noso pensamento. Tamén a comprender de que material está construído cada individuo.

Dian Fossey

Concentrado de novo no ordenador, as ideas brotaban do teclado á pantalla. Era consciente de que rematar un traballo deste tipo non era un fin, se non un novo comezo con puntos de vista máis sólidos, que cada tese rematada convértese nunha cascada de novas hipóteses, iso si, máis sólidas e coherenrtes que as anteriores. Por iso lembraba un escrito de Jane Goodall cando comezou a estudar os chimpances como becaria do Dr. Leakey, no mesmo contexto de Dian Fossey investigou aos gorilas e Biruté Galdikas aos orangutáns, os tres grandes simios antropoides que podería verter luz sobre os nosos ascendentes prehistóricos máis antigos. Naquel epílogo escribía sobre Goodall: “Cando o Dr. Leakey lle propuxo un programa continuado de dez anos de investigación destes primates, estivo a piques de rexeitalo, xa que consideraba ese tempo unha duración excesiva para unha investigación. Pero soamente, tras cumprir ese anos e e volver de novo ao lugar, conseguiu afondar no comportamento das sociedades de chimpancés, descubrindo facetas ata entón insospeitadas, como a guerra de bandas, a caza e o canibalismo”. Finalmente dedicou máis de sesenta anos ao estudo dos chimpancés de Tanzania. A investigación é un proceso lento, tanto como requiran as comprobacións empíricas que lle dan sentido. Goodall, con Fossey e Galdikas, os tres “Anxos de Leakey” ´foi un gran exemplo que hoxe compre evocar. Mil grazas, Dra. Goodall. Descansa en paz.

Contenido patrocinado

stats