José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
Dúas lendas de mouros en Muíños
O Día de Galicia convídanos a renovarmos o noso compromiso coa identidade colectiva que fomos construíndo ao longo dos séculos e coa responsabilidade de continuarmos a fortalecer unha Galicia aberta, dinámica e orgullosa da súa historia.
A nosa comunidade é o resultado dun legado cultural, lingüístico e humano extraordinario. Galicia soubo conservar a súa personalidade propia, ao tempo que participaba activamente nos grandes procesos de transformación social, económica e política que marcaron a historia contemporánea. Esa capacidade para combinar tradición e modernidade constitúe unha das nosas maiores fortalezas.
Neste ano 2026 conmemórase o 45 aniversario da promulgación do Estatuto de autonomía de Galicia. Posteriormente á promulgación do Estatuto, constituíase o primeiro Parlamento de Galicia, un fito histórico que deu paso aos 45 anos de maior prosperidade de toda a nosa historia.
O Estatuto, aprobado nun contexto decisivo para a consolidación democrática de España, converteuse na pedra angular do noso desenvolvemento institucional e fixo posible que Galicia recuperase e exercese as competencias necesarias para atender as súas necesidades, protexer os seus sinais de identidade e impulsar políticas propias ao servizo da cidadanía.
Galicia experimentou profundas transformacións en ámbitos tan relevantes como a educación, a sanidade, os servizos sociais, as infraestruturas, a cultura ou a promoción da lingua galega. O balance destes 45 anos permítenos valorar o camiño percorrido, pero tamén identificar os desafíos que temos por diante nun mundo cada vez máis complexo e interdependente.
O Parlamento de Galicia, como sede da representación popular, desempeñou un papel esencial neste proceso. Foi, e continúa a ser, un espazo de encontro, de debate e de acordo no cal se expresa a pluralidade da sociedade galega. Desde o respecto ás diferentes sensibilidades políticas, o Parlamento contribúe cada día ao fortalecemento da nosa democracia e á procura das mellores respostas para os retos presentes e futuros.
Este Día de Galicia coincide, ademais, co Ano Oteriano, dedicado á figura de don Ramón Otero Pedrayo, unha das personalidades máis destacadas da nosa historia intelectual. Xeógrafo, escritor, profesor, parlamentario e galeguista comprometido, Otero Pedrayo representa, como poucos, a vocación de servizo ao país desde o coñecemento, a cultura e o pensamento.
Otero Pedrayo soubo interpretar o país desde unha perspectiva integradora, recoñecendo a riqueza da súa diversidade e reivindicando a importancia da cultura como motor de progreso colectivo
A súa obra constitúe unha das achegas máis valiosas á comprensión da realidade galega. Otero Pedrayo soubo interpretar o país desde unha perspectiva integradora, recoñecendo a riqueza da súa diversidade e reivindicando a importancia da cultura como motor de progreso colectivo. A lembranza da súa figura ofrécenos unha oportunidade para reafirmarmos a vixencia dos valores que inspiraron a súa traxectoria: o amor por Galicia, a defensa da súa personalidade histórica e a confianza nas capacidades do seu pobo.
Tamén quero aproveitar este espazo que me brinda La Región para celebrar a decisión da Real Academia Galega de lle dedicar a Xosé Neira Vilas o Día das Letras Galegas no próximo ano 2027. Escritor e divulgador, fixo do mundo labrego e da emigración galega en América os temas da súa literatura. O seu libro Memorias dun neno labrego, o máis vendido e traducido da literatura galega, narra, desde a perspectiva dun neno, as condicións de vida da sociedade campesiña galega nas primeiras etapas do século XX.
Celebrarmos o Día de Galicia é unha ocasión para expresarmos gratitude a todas as xeracións que contribuíron para construír a Galicia actual e para renovar o compromiso colectivo cun futuro de prosperidade compartida, reivindicar a unidade ao redor dos principios que nos unen: a democracia, a liberdade, a convivencia, a solidariedade e o respecto á nosa cultura e á nosa identidade.
Nun tempo marcado por grandes transformacións tecnolóxicas, económicas e sociais, Galicia conta con importantes razóns para afrontar o futuro con confianza. O talento da súa xente, a fortaleza do seu tecido produtivo, a calidade das súas institucións e a riqueza do seu patrimonio material e inmaterial constitúen activos fundamentais para seguirmos a avanzar.
Que este 25 de xullo nos anime a continuar a traballar, desde a responsabilidade e o diálogo, por unha Galicia cada vez máis forte, máis cohesionada e con maior capacidade para facermos realidade as aspiracións da súa cidadanía. Unha Galicia orgullosa do seu pasado, consciente do seu presente e decidida a construír o mellor futuro posible para as xeracións vindeiras.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
Dúas lendas de mouros en Muíños
Isaac Pedrouzo
¡ES UN ANUNCIO!
Los años nunca volverán
Itxu Díaz
CRÓNICAS DE VERANO
Es usted muy gracioso, es usted muy ingeniosa
Alfredo Conde
A TRIRITA
Sobre gatos, ratos, monarcas e presidentes
Lo último