Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Portero de noche
Unha ventá é símbolo da fronteira entre o familiar e o inexplorado, metáfora infantil da curiosidade, fonte de inspiración para músicos, fotógrafos, pintores e novelistas. É punto de partida para viaxes ao futuro e soños ao redor do pasado; atalaia doméstica que neste tempo de confinamento cobra un significado especial.
Desde a miña ventá, unha ventá calquera nun barrio calquera desta cidade de Ourense prepárome para aplaudir xunto coa veciñanza coa que comparto agradecemento e confidencias. Non quero converterme naquel reporteiro convalecente da película La ventana indiscreta do gran Alfred Hitchcock que escapa do seu tedio observando desde a ventá do seu apartamento cuns prismáticos o que acontece nas vivendas en fronte. Desde esta ventá descubro máis ben o que Rosalía de Castro desexaba: “ser abaneado no coliño da lúa e ser levado ata eses paraxes remotos de paraísos inalcanzables”. A esas paraxes lévame esta maleta que teño na miña ventá e que me fala doutra maleta viaxeira, da maleta de Antonio. Vinde de viaxe comigo.
Era un 17 de decembro de 1977 cando se firmaba o carné de socio 3.976 da familia Gesto (revista misioneira infantil) na Delegación Diocesana de Ourense. O neno chamábase Antonio Fernández Domínguez e pouco antes fixera a súa maleta en Partovia para estudiar no Seminario Menor. Aquel día comprometeuse a querer a Xesús e á súa Igrexa, a querer a todos (achegados e afastados), a apoiar sempre ós misioneiros. Anos despois, en 1990, era ordenado crego e a súa maleta seguía preparada. Con ela chegou a Zambia (África). Alí foi misioneiro durante anos. De volta, foi párroco en terras de Calvos de Randín e de novo volveu a Zambia onde acompaña con agarimo a aquela xente.
A maleta de Antonio toma medidas neste tempo de pandemia como se fose “un gran e mortífero catarro global”, especialmente nesa terra que está vencellada a estereotipos coma lugar de enfermidades. Cóntame que se tomaron medidas (peche de escolas, cantinas…), pero que no rural onde está el na misión é todo máis levadío. “Temos moito monte”. Semellante a esta terra nai que el leva na súa alma. E segue mensaxeando: “hoxe vin en bici a 20 km da casa e volverei despois de visitar a algunha familia. Neste momento estou con tres rapaces de 13-14 anos que viñeron a saudarme e aquí estamos de palique”. Chámanse BaChileshe, BaAtkins e BaPrince e son da aldea de Nselanke, en Solwezi”. Buscareino no Google para situarme no mapa de Zambia. Pregúntolle por que todos os nomes empezan por “Ba” e dime que “Ba” e signo de respecto “porque aquí son moi respectuosos” Canto deberíamos aprender! Os tres rapaces van á escola son da parroquia de Santa María de Kankolonko, comunidade que serve e acompaña Antonio.
Segue mensaxeando: “Vou en bici e á tarde terei a celebración. Páraste con uns, fálaslle a outros e se se pincha a bici reméndancha co primeiro que teñan a man. Son feliz patrullando o rural. Ando na aprendizaxe do luvale que é a lingua da parroquia onde vou ir”. Políglota, como políglota é a lingua de Deus en tódalas terras e peles do mundo.
Na maleta de Toni van experiencias, ilusións e o compromiso por facer posible entre os pobres máis pobres desta terra o bico de Deus. Na maleta de Antonio poderían escribirse aqueles versos de Manuel María: “ Teño un barco de xoguete / e nel me quero embarcar. / Polos mares dos meus soños / ¡quen me dera navegar!. Navegarei por mil ríos, / sete mares hei de cruzar. / ¡No meu barco de xoguete cansarei de viaxar…!
Eu sigo na miña ventá aplaudindo á maleta de Antonio.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Portero de noche
Carlos Risco
LA CIUDAD QUE TODAVÍA ESTÁ
El empedrado medieval de la ciudad vieja
Chicho Outeiriño
DEAMBULANDO
Los más de mil apodos de Benchosey… y los nuestros
Ramón Pastrana
LA PUNTILLA
Nicolás
Lo último