Por unha política local da abundancia

Publicado: 19 mar 2026 - 04:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Despois da vitoria de Donald Trump nas eleccións presidenciais de novembro de 2024, a esquerda occidental vive unha das súas rupturas internas máis fondas das últimas décadas. Os xornalistas políticos Ezra Klein e Derek Thompson, dúas das voces máis influentes do debate norteamericano actual, publicaron “Abundance”, un ensaio aparecido ao fío da derrota do Partido Demócrata que sacudiu o campo progresista a ambos lados do Atlántico. A tese, tan clara como provocadora, sinala que durante anos a socialdemocracia abandonou a política de oferta -edificar, innovar, transformar- para centrarse case exclusivamente en redistribuír o que xa existe. O resultado foi que as formacións desta familia ideolóxica chegaron a ser percibidas por amplas franxas da cidadanía como meras xestoras da escaseza, e non como promotoras dun mellor porvir. Un diagnóstico difícil de rebater.

A defensa do medio ambiente, a xustiza social, as políticas redistributivas, un estado do benestar sólido e o respecto á diversidade non son atrancos para un programa deste tipo, senón os seus piares éticos irrenunciables

O concepto nuclear do libro son as chamadas “escasezas elixidas”. A penuria contemporánea de transporte eficiente, enerxía limpa ou acceso a un fogar digno non é resultado dun determinismo xeográfico ou histórico, senón de decisións conscientemente tomadas ou sistematicamente adiadas. “Regulacións paralizantes”, burocracia que atasca aquilo que debera fluír e resistencia de sectores acomodados a calquera muda na contorna inmediata converteron as forzas do cambio en actores esencialmente defensivos. A esquerda deixou de articular o que quere erguer para especializarse en impedir o que outros pretenden derrubar. Neste tránsito perdeu algo esencial: a capacidade de interpelar a quen máis precisa que as cousas muden, aquelas franxas de poboación que non se identifican coa denuncia permanente, senón cunha perspectiva tanxible de mellora.

Inserirse nunha lóxica da abundancia non implica abandonar os principios que definen o campo progresista. A defensa do medio ambiente, a xustiza social, as políticas redistributivas, un estado do benestar sólido e o respecto á diversidade non son atrancos para un programa deste tipo, senón os seus piares éticos irrenunciables. A diferenza reside no enfoque. Non se trata de bloquear parques eólicos por razóns de estética paisaxística, nin de frear a rehabilitación urbana invocando a identidade do barrio. Acelerar as renovables é comprometerse coa transición enerxética, non traizoa-la. Garantir o acceso a un fogar digno e a uns servizos públicos universais é responsabilidade política elemental. Este espazo ideolóxico confunde demasiadas veces preservar o que hai con transformar as condicións de vida da maioría.

Fronte ao discurso da limitación e a restrición, Klein e Thompson recuperan algo que a esquerda semella ter esquecido, a saber, a capacidade de presentar un futuro polo que pagar a pena loitar. Pedir á veciñanza que renuncie ás súas aspiracións materiais en nome de causas abstractas non xera maiorías electorais nin gobernos con vontade real de tornar as cousas. A política instalouse na xestión do posible cando o potencial transformador dos poderes públicos é moito maior do que admite a resignación mediocrática e tecnocrática. A economista Mariana Mazzucato demostrou no seu clásico traballo “The Entrepreneurial State” que o Estado non é un árbitro pasivo, senón o principal actor susceptible de orientar a innovación cara ao ben común cando dispón dun proxecto verdadeiramente ambicioso. O progresismo precisa recuperar esa vocación produtiva. Non como concesión ao mercado, senón como ferramenta para construír bens colectivos que a iniciativa privada, por si soa, nunca xerará.

O debate interpela directamente a Ourense. Máis de seis anos de goberno ultrapopulista deixaron trazas indelebles en forma de desleixo de rúas e espazos comúns, transporte desorganizado e ineficiente, servizos sociais precarizados ou desaparecidos, patrimonio cultural extinto ou illado, e un tecido comercial de proximidade e empresarial en declive. A oposición progresista respondeu con denuncia e posicionamento simbólico, pero sen enunciar un programa concreto do que se vai rehabilitar ou activar. Que zonas públicas merece recuperar? Que alternativa de mobilidade defende? Que modelo de atención á veciñanza ofrece? Que proxecto de dinamización económica e retención de talento novo presenta como resposta á situación de emerxencia? Sen respostas verificables, o discurso alternativo queda instalado no rexeitamento do existente, sen panorama de porvir nin capacidade de mobilización.

A esquerda que aspire a gobernar Ourense precisa integrar esixencias redistributivas con renovada capacidade propositiva. Non hai que elixir entre ecoloxía e renovar os barrios degradados, entre garantir prestacións de calidade e atraer actividade económica, entre protexer a quen menos ten e interpelar ás clases traballadoras con proxectos reais de cambio. A síntese é posible e necesaria. Construír cidade é distribuír xustiza de xeito diferente, facéndoa tanxible e verificable no cotiá da xente. “Abundance” lanza un convite que transcende os Estados Unidos. Claro que un programa desta ambición non se sostén só coas ideas e require ser encarnado por quen teña a credibilidade e capacidade necesarias para sustentar o que propón. Cando esa forza de progreso sexa capaz de dicir con convicción o que vai alzar, o que vai recompor e para quen, terá sobradas razóns para recuperar a confianza da ourensanía.

Contenido patrocinado

stats