Francisco Lorenzo Amil
TRIBUNA
Lotería y Navidad... como antaño
Dicía Pessoa que un xardín era coma un resumo da civilización. Pero se eu tivese que escoller un elemento urbanístico que representase o proceso civilizador non me decantaría polo xardín, faríao pola praza. Paréceme que poucas cousas resultan tan imprescindible para unha vida civilizada coma unha boa praza.
No home sempre se compaxinan dúas esferas vitais: a persoal, no espazo íntimo e privado, e a pública, no espazo exterior e colectivo que facilita a convivencia. A tal espazo colectivo pertencen as rúas, as avenidas, as pasaxes, os parques, os xardíns, ..., pero ningún deses elementos resulta tan indispensable para o encontro das xentes coma o praza pública, sempre esencial desde a propia fundación das cidades e das vilas. Da importancia das prazas dá conta un feito: dun xeito ou doutro, o poder, ou quen aspira a conseguilo, sempre trata de apropiarse delas: no ágora grego foi unha apropiación democrática; no foro romano, autoritaria; na praza medieval, comercial e espiritual; na renacentista, real e militar, ..; e agora, na praza contemporánea, especulativa e privatizadora fundamentalmente.
En Galicia hai prazas moi fermosas, coma a do Obradoiro, a Maior de Lugo ou a de Ourense. Pero eu prefiro as máis pequenas e acolledoras, coma a de Celanova, a de Ribadavia, a de Mondoñedo, a da Leña de Pontevedra... Por toda España hai prazas encantadoras. Unha das miñas preferidas está en Barcelona: a Praza do Diamante, a da poética novela de Mercè Rodoreda. Nunca estiven fisicamente nesa praza, pero aparece moi clara na miña imaxinación: pequena, co pavimento de terra e cunha fonte no medio. Eu véxoa nunha noite de verán, en festa, iluminada por centos de bombillas que colgan de tiras de corda con bandeiriñas de papel de mil cores; nun palco de madeira toca unha orquestra popular o pasodobre "En er mundo", e unha parella de futuros noivos acaba de coñecerse e baila ó seu compás...
Estes días fálase moito doutra praza de Cataluña, a da Constitución de Xirona. Non a coñezo: é nova e a última vez que pisei esa cidade aínda non existía. A que si coñezo é a Plaça del Vi (a Praza do Viño), a máis tradicional de Xirona e «obra magna dos nosos antepasados» para Pla, que se chama así por un mercado de viños e augardentes que se celebraba nela no século XVI. Mantivo o seu nome xenuíno durante tres séculos, ata que comezou outro tipo de apropiación do espazo público que non citei antes: a onomástica. Desde entón chamouse: do Rei (1814-20), da Constitución (1820-23), Real (1823-35), de Isabel II (1836-39), da Constitución (1840-1871), da República (1873-74), da Constitución (1875-1930), da República (1931-39), de España (1940-1975), e coa democracia recuperou o seu nome orixinal. Xa ven o aplicados que foron os xerundenses en cuestións de cambios odonímicos. Non obstante, convén observar como sempre acertaron en saber quen mandaba realmente en cada época... En consecuencia, se agora decidiron cambiarlle o nome á Praza da Constitución, para que sexa a Praza do 1 de Outubro, sabendo da ofensa que tal nome representa para a metade dos cataláns e a maioría dos españois, é que teñen bastante claro quen manda alí. Vostede non?
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Francisco Lorenzo Amil
TRIBUNA
Lotería y Navidad... como antaño
Iván González Decabo
DIARIO LEGAL
El Supremo pone en la diana al préstamo familiar
Xabier Limia de Gardón
ARTE ET ALIA
Locus amoenus, narrativa local trufada de literatura para una muestra de historia personal
Miguel Abad Vila
TRIBUNA
El experimento de Minnesota
Lo último
sudeste asiático
Tailandia y Camboya retomarán el miércoles las conversaciones de paz
Tras Fukushima
Japón reactivará la central nuclear más grande del mundo
guerra en Ucrania
Rusia estira las negociaciones de paz: "Los progresos son lentos"
TRAS LOS RESULTADOS EN LAS ELECCIONES
Dimite Gallardo, secretario general del PSOE de Extremadura, y una gestora se hará cargo hasta el próximo congreso