Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Intento de politizar la visita del papa
A TRIRITA
Ás veces dou en imaxinar o país no que vivo como o territorio humano dunha Compaña que recorre o camiño da historia a marchas forzadas. Nela, nesa Compaña e de xeito alternativo, as ánimas do Purgatorio saen dar unha voltiña encabezadas, unhas veces, por un que é de dereitas e arrastra a pesada cruz que lle legou a historia e, noutras, quen carga coa pesada cruz, que tamén lle legou a historia, é un de esquerdas. Ben por fas, ben por nefas, unhas veces por uns e outras veces por outros, a casa segue sen varrer; é dicir, que como do que se trata é dun territorio común, ben dunha silveira maléfica e chea de bichos, ben unha inmensa pradeira chea de paxariños asubiadores deses que da xenio oílos, pasa o que pasa. Se do que se trata é de identificar uns e outros con esquerdas e dereitas déixolle que o decida o lector segundo as súas persoais opcións llo indiquen.
Sospeito que tal e maléfico comenzo desta tririta de hoxe se deba a que somos reféns da nosa historia dun xeito que se diría inevitable. Se o antisemitismo hitleriano non se explica grazas a máis dun texto luterano, a nosa incapacidade de practicar un diálogo construtivo teno que estar cos corenta anos de ditadura e privación das liberdades democráticas. Tan debe ser así que, unha vez transcorrido o período no que ocuparon o poder as xentes que viviron a ditadura suspirando por elas, unhas veces homes de dereitas, outras veces homes de esquerda, foron substituídos polas novas xeracións formadas, ben nas escolas de verán dos principais partidos, ben con estadías nos países afíns ós seus criterios, co parello resultado que estamos vendo.
A dereita bótalle en cara a esquerda que estea imbuída dunha superioridade moral que a todas luces é rebatible, en tanto que a esquerda argumenta que a dereita do que fai gala é dunha “auctoritas”, diríase que herdada, que lle permite argumentar de modo que, nas máis das ocasións pode resultar groseiro. Asi non vai haber quen se entenda e, polo que se ve, uns e outros, outros e uns, non se entenden en absoluto. O problema é que en política, ó non haber diálogo, entendemento e pacto, o que si pode haber non é algo que non fai falta que deba ser citado.
Eiquí chegados, queda por ver por onde se pode saír da envurullada silveira na que nos metemos sen reparar moito no que facíamos. Debe ser o signo dos tempos porque sucede o mesmo cando les o que pensan outros. Será que o país se leva transformando tanto que algúns aínda non sabemos ben por onde pisamos? Aquela Galicia idílica na que uns eran celtistas e outros eran helenistas estaba chea de xentes que contemplaban o decorrer da historia cos tics derivados das súas profesións de fe. Ás veces daría a impresión que seguimos nas mesmas, so que con novos actores e consignas.
Non hai moito que Teófilo Edicións publicou un libro de Paco Barxas: “Otero Pedrayo. Arredor de si. 50 anos despois”. Nel figura un poema escrito por min malia que, como lle pasou a outro, esa non sexa graza que quixera darme o ceo. Cítoo porque son dos moi tendentes a considerar que a Galicia da miña nenez era idílica, pura e chea de vacas mirando o tren con ollos cansos, como resultado de non entender moito o que está acontecendo, mentres o tren avanza e uns e outros nos entretemos en xulgar as maldades alleas e en chufar as bondades propias sen decatármonos, uns e outros, que este país é xa outro e que, quizais e debido a iso, se nos vai escorrendo como auga entre os dedos.
Será que xa non é o mesmo país? Vai resultar que, de vagar, fomos industrializándonos e que nalgunhas industrias mesmo estamos xa entre os máis punteiros? Na industria téxtil, na que xa o fomos na primeira metade do XIX? Na pesqueira? Na dos cultivos mariños? Na automobilística que avisa dunha nova instalación que complete e magnifique a xa existente ou mesmo a que se ocupa na construción de vehículos militares? Na naval ou na conserveira? Se así fose ou se así estivese sendo, poderían uns e outros acordar unha política senón común cando menos concertada tendente á construción dun país ó pé dos tempos que corren. Non parece que sexa moito pedir.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Intento de politizar la visita del papa
José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
Túmulos megalíticos e monumentalidade: algúns datos
Arturo Maneiro
PUNTADAS con hilo
Estado de descomposición
Alfredo Conde
A TRIRITA
Uns e outros, coma sempre