A verdade de cadaquén

TÍA MANUELA

Publicado: 24 jun 2026 - 00:45
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

A verdade é ou debe ser cousa de todos, como a xustiza que debe ser igual para todas as persoas que traballan, que folgan, discuten, dormen ou veranean, para as que viven dun lado ou do outro do mar, para as persoas desta terra ou de calquera parte da terra. Sen verdade non pode haber xustiza e con mofa, tampouco. A verdade, segundo o dicionario da Real Academia Galega, “é a característica do que é certo dun coñecemento , dunha información etc., conforme á realidade”. Pero cadaquén ten , xa que logo, a súa propia verdade.

E a xustiza? Se volvemos ao dicionario, xustiza “é respecto e recoñecemento dos dereitos e do mérito dunha persoa”, que bonito queda así escrito, para ler ou para escoitar. “Poder para aplicar o dereito que rexe as relacións entre as persoas” é tamén xustiza, cousa grande e pequena ao mesmo tempo. Pero moitos cidadáns, con estes acontecementos recentes e multiplicados cada día, teñen a sensación de que os protagonistas non din verdade.

A verdade é ou debe ser cousa de todos, como a xustiza que debe ser igual para todas as persoas

A señora Eduviges de Vila dos Carneiros facía a xustiza pola súa conta, cambiaba os marcos da estrema e alongaba a súa leira plantada de patacas. “Estes regos son meus, da miña leira”. Vese ben que son as mesmas patacas, a mesma separación entre as plantas. A veciña, xa digo, mente cando di que as botou ela. A verdade é a verdade! E as cereixas de cedo daquela cerdeira florida serán miñas. Ninguén dirá o contrario, por respecto ou, máis ben, por medo.

Cando unha das veciñas di arre! e a outra di xo!, que fai a burra? Ouvea desconcertada e escolle a alternativa que lle parece. Esas veciñas aproveitadas teñen a súa verdade propia e non cambian o paso de andadura. Se se terza, agrandan tranquilamente a mentira. Nas alturas da política e da xudicatura, ao parecer, teñen verdades adaptadas á súa forma de pensar e independentemente de cal sexa a cor, poden velo branco ou negro, sen pestanexar.

Estes días ao ler os xornais, á Tía Manuela viñéronlle á cabeza aquelas catro características que Sócrates (470-399 a.C.) consideraba propias dun xuíz, “escoitar cortesmente, responder sabiamente, ponderar prudentemente e decidir imparcialmente”. Con toda a confianza, compárteas e recoméndallas aos integrantes dos poderes, lexislativo, executivo e xudicial, e ás persoas que queiran escoitar e erradicar o perigo de ter razón.

Contenido patrocinado

stats