Vicente Risco

Publicado: 22 feb 2025 - 01:15
Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Vicente María Agustín Gerónimo Martínez Risco e Agüero naceu en setembro de 1884 na cidade das Burgas, lugar onde tamén finou en abril de 1963. Coma o resto dos seus futuros compañeiros, cursou o bacharelato en Ourense, uns estudos que rematou en 1899 despois dos que marchou a Compostela para cursa-la carreira de Dereito que acabaría en 1906. Non era amigo de facer oposicións máis por obrigación, baixo as presións do seu pai, segundo conta Carlos Casares, comezou a traballar na Delegación de Facenda en Ourense, o mesmo lugar onde o faría despois o seu compañeiro e amigo Florentino Cuevillas. Naqueles anos de mocidade, Risco participou nas grandes empresas culturais da Atenas de Galicia como os faladoiros da Comisión de Monumentos liderada por Marcelo Macías. Asemade, comeza a súa actividade xornalística na publicación “El Miño”, centrado sobre todo en cuestións filosóficas, adiantando xa ó Risco inadaptado e antisocial, e máis en temas de actualidade. Con posterioridade escribe no diario “Mi Tierra”, tamén de Ourense; unha actividade que supón o principio dun longo camiño de colaboracións xornalísticas en distintas publicacións, como La Región, nas que espallou o mellor do seu pensamento político e da súa creación literaria. Despois dun paso por Madrid onde estudou maxisterio volve a Ourense coma catedrático. Nestes primeiros tempos, os de inadaptado e antisocial que vive á rebours, funda “La Centuria”, unha revista de corte neosófico que algúns consideran coma un ensaio da posterior “Nós, boletín da cultura galega”.

Vicente Risco, dende a Irmandade Nazonalista Galega, foi o primeiro impulsor efectivo do galeguismo e o gran guieiro do movemento de reivindicación do ser eterno de Galicia

A finais de 1917, baixo o liderado do gran proselitista do galeguismo, Antón Losada Diéguez, Vicente Risco afástase das teosofías e decide tomar conciencia de Galicia; neste intre centra a súa atención en desenvolver un corpus ideolóxico que, co tempo, desembocaría no que aínda hoxe é: unha figura política senlleira para a nosa terra. Se o cenáculo inadaptado transfórmase de socate no cenáculo galeguista, os inadaptados indolentes transmutan na elite de escolleitos. El comeza a teorizar e reivindicar, desde o punto de vista político, a Galicia tradicional que tanto amaba mentres que, debruzado na varanda da solaina da súa Casa Grande de Cima de Vila, Otero Pedrayo imaxinábaa contemplando a paisaxe histórica do Ribeiro e Florentino Cuevillas, parapetado nun despacho do Ministerio de Facenda, descubríaa paseniño para o mundo científico.

Vicente Risco, dende a Irmandade Nazonalista Galega, foi o primeiro impulsor efectivo do galeguismo e o gran guieiro do movemento de reivindicación do ser eterno de Galicia. Galeguista conservador, católico ortodoxo e tradicionalista, tódolos galegos debémoslle a teorización máis seria e acaída do noso ser identitario; por este motivo, moitos autores alcumaron á Xeración Nós como a Xeración Risco. E isto foi así ata que os actuais herdeiros do Grupo Brais Pinto, baixo o efecto de delirios marxistas, non só deturparon a súa mensaxe, senón que borraron calquera sombra do seu reinado. O mestre escribiu partindo de dous axiomas “ser diferente é ser existente” e “nas cousas deste mundo todo é asegún”; foi quen de facer do humorismo non só o único recurso dos pobres, senón tamén a gran defensa dos débiles; defendeu que para obxectivar algo hai que botalo fóra dun e ollalo dende a distancia; puido toma-la medida das cousas e concluír que é posíbel ve-la nosa terra coma algo grande ou pequeno, sempre segundo o grandor da capacidade de percepción coa que a consideremos, pero o indubidábel é que esta nacionalidade histórica, malia todo e a todos, sempre será grande.

Contenido patrocinado

stats